Neste verán estiven a traballar nun centro de recoñecementos médicos e psicotécnicos. Entre outras cousas, eu era o encargado de facer o recoñecemento médico á xente que quería obter ou renovar a licenza de armas. Todas as limitacións ou restricións para posuír unha licenza de armas figuran no Real Decreto 2487/1998, co cal me tiven que familiarizar para poder facer o meu traballo de maneira competente. Até aquí, todo ben.
Unha das cousas que máis me chamou a atención dese Real Decreto é que tivese un apartado dedicado ás doenzas xinecolóxicas. Quero dicir, é lóxico que haxa restricións ao uso de armas por perda da capacidade visual, por problemas neurolóxicos ou mesmo por diabetes. Mais que problemas xinecolóxicos podían supor un risco para o uso de armas? Pois alá fun mirar, e depareime con este cadro.
Podes ver o texto completo na web do BOE |
No cadro, a primeira columna enumera diferentes afeccións. As columnas M, L e S indican se esa afección é admitida, non, ou é admitida con algunha restrición en 3 casos diferentes. M é a licenza para xente con algún tipo de diversidade funcional que fai que só poida usar armas en recinto fechado e con acompañante. L é a licenza estándar, para o uso normal, como caza ou tiro ao prato. E S é a licenza para a xente que traballa na seguridade privada. Como vedes, ningunha afección xinecolóxica e impedimento para o uso recreativo (si, chámanlle así, recreativo) das armas. Hai unha pequena restrición no caso de lesións precancerosas na columna L, mais nada relevante. O curioso está na columna S, a cal vamos analizar polo miúdo.
«Afeccións do aparello xenital feminino e mama, cuxa importancia funcional ou prognóstica limite ou dificulte o desempeño do posto de traballo»
Non se admiten. Parece lóxico que se tes algunha afección que dificulte o teu traballo, non poidas traballar. Non me vén á mente ningún exemplo disto, mais é un enunciado moi xenérico para que o persoal facultativo que faga o recoñecemento poida negar licenzas en casos excepcionais que non figuren no Real Decreto.
«Fístulas rectovaxinais e fístulas mamarias de evolución tórpida e/ou má resposta terapéutica»
Si, non estou a ir por orde, e este é o último caso do cadro. Que non se admitan fístulas de evolución tórpida pode ter lóxica, xa que pode haber problemas para controlar as evacuacións intestinais ou fortes dores, e o enunciado é o suficientemente aberto para permitir que sexa a persoa facultativa quen decida se a fístula supón un impedimento ou non para o traballo. Ten lóxica.
«Prolapso xenital. Endometriose. Galactorrea»
Un prolapso xenital pode provocar problemas de incontinencia urinaria. É o único que me vén á mente agora mesmo para xustificar que sexa un impedimento, mais pódese corrixir o prolapso con cirurxía ou outro tipo de medidas, polo que tampouco suporía moito problema. Xa a endometriose, que é asintomática até en 50% dos casos, non é tan entendíbel. E a galactorrea... non vexo que a secreción de leite polas mamas sexa un problema, se non hai un problema hormonal máis grave detrás.
«Leucoplaquias e outras lesións precancerosas, a calquera nivel do tracto xenital»
Isto... non o entendo. Ao longo do texto existen algúns tipos de cancro que impiden a obtención da licenza, e outros que simplemente engaden algún tipo de restrición, como revisións máis frecuentes para renovar a licenza. Porén, este é o único caso en que unha lesión precancerosa xa é impedimento total. Isto é, en linguaxe común, que ter calquera problema que puidese dar algún tipo de cancro nos órganos sexuais femininos, aínda que non cause ningún problema nin dea lugar a un cancro en toda a vida, impide que poidas traballar na seguridade privada. Só nos órganos sexuais femininos, ollo. Ter pólipos que poidan dar cancro de colon, todo ben. Ter a mesma leucoplaquia na larinxe, todo ben. Mais nos xenitais femininos? Non, ho!
«Disxenesias, hipoxenesias e axenesias gonadais e xenitais. Pseudohermafroditismo»
E deixei para o final a xoia da coroa. As disxenesias (dis-: anomalía, alteración), hipoxenesias (hipo-: insuficiencia, diminución) e axenesias (a-: ausencia, negación) gonadais (gónada: órgano reprodutor) é un grupo demasiado amplo e heteroxéneo. Porén, na maioría dos casos os únicos problemas son estatura baixa, ausencia de menstruación, infertilidade, e algún problema metabólico. Na maioría dos casos, cun tratamento hormonal non hai maior problema.
Aquí hai que puntualizar que no apartado de doenzas endócrinas figura que a síndrome de Turner e a disxenesia gonadal mixta poden ser admitidas (con restricións), mais é o único caso e nin sequera poñen un aviso aclaratorio neste cadro. Porén, no mesmo lugar pon que a síndrome de Klinefelter non é admitida en ningún caso (polos problemas na capacidade mental, supoño).
E chegamos ao pseudohermafroditismo. Isto é, persoas en que os caracteres sexuais secundarios non son os esperados conforme os seus órganos sexuais. Isto é, ter ovarios e caracteres sexuais masculinos (pseudohermafroditismo feminino) ou testículos e caracteres sexuais femininos (pseudohermafroditismo masculino). Nalgúns casos, mesmo os xenitais poden parecer ambiguos, intermedios entre un clítoris e un pene. Que problemas pode supor o pseudohermafroditismo para ter unha arma? Pois non o sei, a verdade.
E se xa é inxusto vetar o pseudohermafroditismo, isto abre a porta a que unha interpretación laxa permita impedirllo tamén a transexuais que non se sometesen a cirurxía dos xenitais. Ou sexa, unha muller con pene ou un home con vaxina non poderían traballar na seguridade privada. E ollo, isto non é restrito á seguridade privada, os corpos de seguridade do Estado Español tamén teñen normativas semellantes (por exemplo, a Garda Civil).
Para terminar, calquera opinión ou conclusión que puidera pór é irrelevante. Tendes abertos os comentarios para dicir o que queirades ao respecto. Eu, pola miña banda, só engadirei unha ilustración do xenial Nenas e nenos, identidade e corpo feito pola asociación Chrysallis Euskal Herria.
O material didáctico completo pódese ver no Scribd |
Ningún comentario:
Publicar un comentario