O que NON facer en caso de engasgamento



Hai máis dun ano do vídeo O que NON facer en caso de desmaio, e a xente xa estaba a pedir na rúa unha secuela, unha segunda parte que continuase a épica historia do rapaz que non sabe o que facer nos casos de urxencia médica. E como eu me debo ao meu público, aquí a está.

Engasgarse, ou atragoarse, é cando un anaco de comida obstrúe a vía aérea e impide respirar con normalidade. É importante salientar que o vídeo está orientado a cando a obstrución é completa e non se pode respirar. Se a obstrución é so parcial e a persoa está a tusir, o único que cómpre facer é animala a que continúe a tusir para expulsar a causa da obstrución. Se é total, como di o vídeo no final (SPOILER! si, ao final di o que SI facer) o primeiro que hai que facer é dar 5 golpes enérxicos e secos entre as omoplatas co calcañar da man. Se isto non funciona, pásase ao que se coñece como manobra de Heimlich, que consiste en pórse detrás da persoa, colocar a man feita puño un pouco por riba do embigo (no epigastrio, concretamente) e apertar con forza 5 veces. Se non vai, repítese o proceso até que o expulse. E se se pon morado e se desmaia, non queda máis que facer masaxe cardíaca (ollo, só cardíaca, non insuflar) e agardar pola ambulancia.

2 comentarios:

  1. Jajajajajajaja boisimo. Encantoume, moi fan do teu blogue, cada día mais divertido!
    Un saudo Jon!!!

    ResponderEliminar
  2. E un puñetazo xeitoso na boca do estomago non vale?

    ResponderEliminar