Despois de varios días de bo tempo, o sábado 6 de febreiro choveu. Choveu moito, como o agoiro dunha desgraza que estaba por vir. Por sorte, o tempo meteorolóxico e o resultado dun exame son dous feitos independentes sen unha relación de causalidade, e o único problema foi que me mollei polo camiño.
O primeiro que vos podo dicir sobre o exame é que toda esa ritualidade que pensamos que ten é falsa. Na academia insisten en levar o DNI nun peto, o pasaporte noutro por se perdemos o DNI polo camiño, levar vinte bolis, catro reloxos, clips, grampadora, chocolatinas e estar diante da porta media hora antes salivando como o can de Pavlov. Parvadas. É moito máis cotián que todo iso. A xente que chama por lista e vixía son persoas totalmente normais, e no meu caso particular simpáticas e agradábeis. Non che deixan entrar sen identificar, obviamente, mais fóra diso son xente comprensiva que está aí polo teu ben.
Sobre o exame en si, pois que dicir? Que foi raro. Raro de carallo. Pouca estatística e epidemioloxía (que é o que mellor se me dá!), moita ética e preguntas dese pau (nas cales todo o que estudases non importa), e moitas imaxes. Ai, miña nai querida, as imaxes. Normalmente son menos de 20, e sobre cada imaxe hai dúas preguntas encadeadas cun caso clínico, dentro do cal a imaxe é apenas un dato máis. Desta vez non. 30 imaxes, unha pregunta por imaxe, e a maioría preguntas directas. Xa a primeira era unha imaxe dun atlas de anatomía e din "veña, que é iso que sinalamos cunha frecha?". Quen se lembra da Anatomía de primeiro a estas alturas? Quen podía imaxinar unha pregunta así no MIR? E por se fose pouco, outra era unha foto dun campo cirúrxico e nela están a sinalar unha estrutura coa pinza, alá entre sangue e vísceras. En fin, podería falar moito máis sobre isto, mais xa as academias farán vídeos de media hora comentando todo ao pormenor, e tampouco lles vou quitar eu o choio.
A pesar diso, quero resaltar a miña pregunta favorita:
Se respondín mal non mo digades, por favor. |
E chegamos á pregunta que todas vós en xeral, e a miña nai en particular, vos estades a facer. E que, Jon, que tal che saíu? Pois... non o sei. Sinceramente, non sei. Como xa dixen, foi un exame atípico, e non teño nin idea. Si, ben sei que as academias xa teñen os seus estimamires e podería meter as respostas e ter unha idea aproximada, mais non me atrevín. Veredes, igual que o gato de Schrödinger, eu estou agora mesmo nunha superposición de estados cuánticos. É dicir, estou aprobado e suspenso ao tempo. Son todos os postos do MIR simultaneamente. Cando mire as respostas, a superposición colapsarase nun só estado, e terei que apandar co resultado, para ben ou para mal. E que queredes que vos diga, deixádeme desfrutar da miña indeterminación un par de días.
Por último, a pregunta que realmente importa: como me sinto? Pois aliviado por ter acabado. Teña praza ou teña que repetir o MIR para o ano, o que é certo é que teño por diante uns meses de descanso. E boa falta fai. De verdade, nas últimas semanas fóiseme a pinza bastante.
Só quero, antes de acabar, pórme un chisco sentimental e dar as grazas. Grazas a toda a xente que me apoiou, que me deu forza, que estivo aí para animarme cando o necesitei e para pórme firme cando fixo falta. Todo o que logrei nesta vida foi grazas a que me rodeei de xente mellor ca min. O mérito é voso.
P.S: Teño a impresión de que me quedou un artigo bastante inconsistente. Se é así, pídovos perdón. Eu mesmo síntome bastante inconsistente como persoa nestes momentos. Será cousa da superposición de estados cuánticos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario