Víctor Cebey estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, presentouse ao exame MIR en 2015 e actualmente é R1 de Oncoloxía no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). Estes son os seus consellos para esta última volta de estudo do MIR.
O estado dun estudante do MIR cando, despois de meses de encerro, por fin sae ao mundo exterior. |
Cando Jon me dixo que podía colaborar co blogue As MIR e unha noites, fíxenme o interesante, pero por dentro estaba como un neno cando lle ofrecen droga nun instituto… moi feliz e sorprendido. A verdade, sigo sen ter moi claro se o que vos direi aquí será de algunha axuda. Na carreira fun un estudante tirando a mediocre, dos que ían safando en cada convocatoria grazas ao estudo intensivo da noite previa. Durante o MIR o meu percentil non subiu de 35, e ademais tiven frecuentes brotes psicóticos contra o final da preparación, na fase na que estades vós agora. Pero aquí estou, escribindo como se non houbese mañá e pontificando sobre o que foi, sobre o que facer e sobre o que me estaba a pasar hai un ano…
Chámome Víctor, e son residente de primeiro ano de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. A que acojona? A que soa rimbombante? Pois a min encántame escoitalo. E dicilo. Fun o número 2396 do MIR do ano pasado e agora son médico de oito meses de evolución. Aínda non o creo de todo. En breves, se ti que estás lendo isto te presentas este ano, estarás sentado o día 6 de febreiro á tarde esperando a que che entreguen o exame MIR co teu nome. O teu MIR.
O que vos vén enriba non é bonito. Non é idílico, nin é fantabuloso. O que vos vén enriba (na miña experiencia [e deberedes saber que o nivel de evidencia científica da experiencia persoal é practicamente nula]) é a etapa da vosa vida de maior inestabilidade psicolóxica que ides experimentar. Porque teñades o percentil que teñades, sentiredes que o poderiades facer mellor. Porque por moito que estudedes, non vos vai dar tempo a acabar os manuais. Porque por moito que fagas esa pregunta número cento corenta e pico do MIR do 2007, sempre a vas fallar. E iso é normal, o máis saudable. Hai que convivir coa incerteza, co “isto sóame”, cos erros de neno de terceiro de Primaria. E tirar para adiante.
Neste marabilloso blogue tedes algunhas fantásticas entradas que vos recomendo ler que falan da tranquilidade. De que conforme pasa o tempo, e aínda que non o saibas, ti sabes moitas cousas. Voucho dicir sen contemplacións, sen panos quentes, sen andar polas ramas e da forma máis directa posible, porque creo que mereces coñecelo: é verdade. Sei perfectamente que tes unha idea irredutible que che fai pensar o contrario, pero tiña a obriga moral de dicircho.
Non se coñece aínda o mecanismo que o explica, pero o día 6 de febreiro faredes o exame e saberedes moitas cousas. Hai diferentes teorías que están testándose, que van desde o influxo do Espírito Santo ata a neuromodulación por parte de extraterrestres. Sabes cousas, e o día do MIR entre as cousas que sabes, as que non sabes que sabes pero que si sabes, as cousas que che soan e as cousas que de puta chorra acertas, terás un número de netas considerable. Sexa polo que sexa, non é importante, pero tédeo claro.
Outra cousa que debedes ter clara é que as últimas 24 horas antes do exame ESTÁ TERMINANTEMENTE PROHIBIDO ESTUDAR. E iso non é negociable nin se pode supeditar a absolutamente ningunha circunstancia. Ningunha. Porque senón vas liala parda. Pardísima.
E desde que deixes de estudar ese venres ao “mediodía” (que ao final trasladas o mediodía ás 5 da tarde) ata o sábado ás 15:30 serán as mellores horas da preparación do MIR en meses. É o momento que colles aire antes de saltar pola porta da avioneta cando te tiras en paracaídas. Na academia aconsellaranche cousas para facer, e sobre todo moitas cousas que non debes facer. Eu decidín ir de museos na tarde do venres, ao cine á noite, e ao día seguinte levanteime sen espertador e fun dar un longo paseo polas rúas e parques de Compostela. Facede o que vos dea a gana, pero gozade. Merecédelo.
Enfrontarte ao exame MIR como se fose un simulacro máis é unha utopía, unha asíntota. Hai que tender a iso aínda que nunca se consiga. Hai que ser proactivos nese sentido. Estar tranquilo é a diferenza entre ser o número un do voso MIR (as seitas deixan pouso #LoveAMIR) e cagala estrepitosamente.
Estaredes vendo que todo vai un pouco rápido de máis. Nestes momentos unha gran contradición (outra máis) está planeando sobre as vosas cabezas. Queredes máis tempo para estudar, pero estades xa cansados e necesitades facer o puto exame dos collóns dunha maldita vez e liberarvos. Esta cuarta fase é un aire; un lóstrego; unha refacho en todo o tornado que levades vivindo. Non vos preocupedes, as mortes por MIR son practicamente anecdóticas.
Non é tempo agora de que vos poñades a comer a cabeza con que praza queredes, que se non vos dá a nota, ou que se Alpedrete é mellor hospital que Cee. Xa tedes dabondo tendo que enfrontarvos á sensación que dá cerrar por última vez un caderno sabendo que non o abrirás nunca máis. Que eses amigos, esas notas e eses subliñados quedarán só no recordo. É difícil, pero nalgún momento hai que parar, deixar os cadernos, o libro gordo e os simulacros atrás e seguir coas vosas vidas. Ese momento xa está aquí.
Como dixo Dumbledore "Non son as nosas habilidades o que demostra quen somos, senón as nosas escollas". Aproveitade estas semanas todo o que poidades e mirade ao futuro co optimismo. Os vosos R maiores estámosvos esperando con moita ilusión. Y MIR dejarás de existir, MIR morirás.
Moita sorte. Vémonos no outro lado.
Grande Víctor :)
ResponderEliminar