Este artigo é unha colaboración de Alberto FM. Se tu tamén queres colaborar con As MIR e unha noites, ponte en contacto pola páxina do Facebook ou o correo-e contacto@asmireunhanoites.com.
Se hai un par de semanas o proxecto dun novo edificio para a Facultade de Medicina volvía saltar ós medios de comunicación, unha vez mais chégannos novas que en realidade non son tan novas.
Desta vez o que se vende é un “pacto histórico entre as tres universidades galegas” para a colaboración na docencia clínica do grao en medicina.
E por que esta nova non é tan nova? Pois porque este é xa o terceiro acordo do mesmo tipo asinado polas mesmas partes nos últimos 7 anos (2008, 2010 e 2015). Aínda que se cadra esta vez contou con algo máis de pompa e presencia política, case como se se tratase dunha inauguración ás portas das eleccións...
Foto dos antigos acordos ao mesmo respecto. |
Como xa denunciamos os estudantes nas dúas anteriores edicións deste festival de sinaturas, a calidade da docencia é a suposta motivación para estas negociacións pero sempre queda esquecida. Isto é así porque estes acordos só tentan delimitar as competencias docentes e administrativas das universidades, acoutando a rifa histórica polo reparto do pastel que supón ter unha facultade de Medicina, e dar cabida xurídica ós docentes para que non estean en terra de ninguén e poidan ver recoñecido o seu fundamental labor. Ata aquí todo ben, todo moi importante e necesario, podería dicirse que son os cimentos para descentralizar a docencia clínica. Pero polo que se ve nunca chegan a materializarse...
Ademais, a principal eiva de todas as versión de acordo é que a docencia clínica leva xa anos impartíndose fóra de Santiago, supoñendo incluso dende o curso 2009-2010 unha significativa alteración na planificación docente co coñecido como “plan mensual”, o sistema menos malo dos posibles e que tantas dores de cabeza nos costou acadar ós estudantes. Entón, como se está a organizar ata agora a docencia clínica descentralizada de Medicina? Moi sinxelo: en precario, con parches organizativos case sobre a marcha curso a curso.
De feito, segundo a miña experiencia, se a valoración da docencia clínica fóra de Santiago é polo xeral mellor que no CHUS non se debe en absoluto ós grandes pactos entre as universidades e a Xunta de Galicia. A mellor calidade das prácticas descentralizadas débese única e exclusivamente ao labor dos estudantes que xeito altruísta exercen de “delegados de hospital” e á boa vontade e traballo dos profesionais dos centros receptores, xa que unha vez a Facultade de Medicina se libra de ti incluíndote na lista de descentralizados, nin a USC nin as demais universidades se preocupan o máis mínimo da túa existencia.
Pero é que ninguén vai pensar nos estudantes? Porque na típica frase de discurso “O fin último son os estudantes”, o de último non debería ser levado á práctica tan literalmente...
Unha máis! http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2016/02/19/facultade-medicina-trasladara-nuevo-edificio-cerca-chus/0003_201602G19P6991.htm
ResponderEliminar