MIR son as siglas de Médico Interno Residente, o sistema de formación de especialistas de medicina que existe no Estado español desde 1978. Para nós, concretamente, o MIR é o exame en si, ese monstro de 235 preguntas que hai que derrotar para poder acceder a unha praza. Mais non todo na vida é medicina. Hai vida aí fóra. Por iso, tráiovos aquí unha lista de diferentes significados que ten a palabra mir en varias linguas do mundo. Porque a pobre palabra non ten culpa ningunha, e ao cabo, o MIR con calquera outro nome tería o mesmo fedor.
Foto da estación espacial Mir (Fonte: Wikimedia Commons) |
En galés, mir significa cervexa. Polo menos é unha das formas, vaia, que teñen unha boa lista entre sinónimos e mutacións consonánticas: cwrw, gwrw, chwrw, bir, biroedd, dablen, fir, firoedd, nghwrw, mir, miroedd, nhablen, tablen e thablen. Visto da perspectiva galesa, As MIR e unha noites ten un significado moito máis interesante.
En irlandés, mír significa parágrafo ou sección. E o MIR, ao final, non é máis que unha sección da vida.
En maltés, mir significa de ou desde. É moi poético, o MIR como punto de partida desde o cal ten lugar a vida médica.
En romanés, mir significa crisma, o óleo aromático que se usa nalgúns ritos cristiáns. Ben pensado, xa que estudar o MIR ten un efecto semellante ao de romper a crisma.
En ruso, mir (мир) significa paz, mundo e sociedade. De aí vén o nome de:
- A antiga estación espacial soviética, que orbitou a Terra desde 1986 até 2001. Do mesmo xeito que a nosa vida profesional na medicina orbita ao redor do exame MIR.
- As comunidades campesiñas da Rusia prerrevolucionaria, con terras que se posuían e labraban en común. Como o estudo do MIR, no cal é moi importante o compañeirismo e a colaboración. Moi acaído.
- Unha serie de batiscafos rusos, uns vehículos que serven para facer inmersións na auga a grandes profundidades. Boa metáfora para o estudo do MIR, no cal tes que mergullarte até o fondo nos coñecementos médicos.
En moitas outras linguas eslavas, mir ou мир tamén significa paz. Isto é así, por exemplo, en serbocroata (que inclúe serbio, croata, bosnio e montenegrino), checo, polaco e esloveno. Non quero levar a contraria eu aos pobos eslavos, eu respecto moito as súas linguas, mais a min o MIR o que vén sendo paz non me dá, mais ben dáme arroutos de ira desmesurada.
En xaponés, 見る (miru) significa mirar, ollar ou ver. E eu o que é ver, o MIR véxoo moi negro.
En chinés (entendendo como tal o mandarín estándar), 迷人 (mírén) significa encantador. Todo o contrario que o exame do MIR, que non é encantador, é odioso.
En galego e moitas outras linguas románicas temos o adxectivo mirífico, que significa admirábel, marabilloso. Non é, como aparenta, unha mistura de MIR e terrorífico.
En catalán, Mir é un apelido. Vén do xermano latinizado mirus, que significa famoso ou ilustre. Desa mesma palabra xermana derivan en galego todos os topónimos e antropónimos acabados en -mil. Isto inclúe o meu propio apelido, Amil, aínda que eu de ilustre teña máis ben pouco.
Nalgunhas linguas de influencia islámica, Mir (derivado do árabe emir, أمير) é un título honorífico (pensade en títulos honoríficos que temos aquí, como conde, duque, rei...). Isto acontece, por exemplo, en azeri, persa, bengalí, turco, paxtún ou kurdo. Xa sabedes, se o título de doutor ou doutora non vos presta, sempre podedes probar con Mir, aínda que eu persoalmente prefiro ser o doutor Amil a ser o Mir Amil.
MIR tamén é o acrónimo de varias organizacións, como a Mocidade Independentista Revolucionaria ou o Movimiento de Izquierda Revolucionaria. Unha revolución si que tiñamos que facer nós no MIR, que ben que nos tolean...
Ningún comentario:
Publicar un comentario