Este artigo é unha colaboración de Cris QR. Se tu tamén queres colaborar con As MIR e unha noites, ponte en contacto pola páxina do Facebook ou o correo-e contacto@asmireunhanoites.com.
(Imaxe: Bursa Fem Akademi) |
Ola a todos! Antes de nada paréceme oportuno presentarme: chámome Cristina e son unha opositora MIR a tempo completo. E no que se refire a tempo completo vén sendo: todo o tempo do que dispós dende que tes a ben levantarte ata que te deitas, sacando o preciso para cubrir necesidades básicas. Estas necesidades básicas seguramente non sexan as que agora mesmo a ti che parecen básicas, non. Básico para o MIR é: comer, durmir, ir ao baño e lavarte algo de vez en cando, por aquilo de manter un mínimo de humanidade/civismo.
O bo do Jon tivo a ben, ou a mal segundo se mire, prestar o seu blogue para que quen quixese falase do que lle pete. Abriches a Caixa de Pandora Jon! Espero que saibas o que fas. Pois ben, a min dende que o souben, pasoume pola cachola falar de algo que me ten súper intrigada, e que mesmo pode servir a algún de vós como tema para o traballo de fin de grao.
A cousa dei en denominala da seguinte maneira: a amnesia do residente (termo pendente de patente). É que eu alucino. Cada vez que lle quero falar a alguén sobre este estraño fenómeno a min só me invade a indignación. Quero que saibades que preparar o MIR por todo o anteriormente dito e moitas outras cousas máis, é do máis duro que ides enfrontar na vida. Ata aquí todo claro. Agora ben, fala cun R1.
Douche o teu tempo para que o atopes e fales con el sobre como foi a preparación do MIR...
Xa o fixeches? A que entre o que che dixo está o seguinte:
- “O MIR? Ai, pois moi ben. Vaiche pasar voando e valo pasar xenial cos teus amigos durante a preparación.”
- “A preparación do MIR, a min xenialísima, ata coñecín o mozo durante eses meses e serán uns recordos marabillosos aí os dous na biblio en amor e compañía...”
- “Que dis traumática? A preparación do MIR é unha época súper entretida na que aprenderás moitísima medicina e verás que es capaz de entender moitas cousas e bla, bla, bla...”
A este último non lle quito razón (salvando a óptica optimista que baña o seu discurso). Pero é que eu os outros dous... udbwjukvewkuhdebkuv!!!!!!
É unha cousa que me chama moito a atención, así que dende aquí quero dar a miña humilde e sincera opinión con respecto a este período polo que todos habedes pasar. Para min, está a ser o maior reto da miña vida, e hai que enfrontar moitas cousas ás que non estamos afeitos. Ademais, como o mundo non ten a decencia de parar mentres estades a estudar, pois seguen pasando cousas, e moitas delas poden afectarvos directamente. Teredes que superar isto, e tamén teredes que superar a preguiza e a falta de motivación. Sen lugar a dúbidas, trátase dun reto intelectual, pero tamén dun reto emocional.
Creo que o máis importante é manterse motivado e seguir un ritmo de traballo que sexa o que ti mesmo te marques (ollo coas academias e as súas recomendacións, que isto dá para outro post), xa que un ritmo marcado por calquera outra persoa está na maioría dos casos abocado ao fracaso. Non te frustres, non fagas de todo un drama, traballa duro e pouco a pouco irás vendo resultados. Porque se en algo non menten as academias, e sendo sincero cun mesmo, é en que o que ti fas se che devolve reflectido nos resultados que obtés.
Así que nada, non quero alongarme moito máis, pero que saibades que a realidade é esta, é duro, aínda que tamén teña bos momentos. E por favor, que alguén estude os R1...
Ningún comentario:
Publicar un comentario