Esta é unha historia de amor real dun profesor da academia, da cal soubemos a través dos comentarios que ía soltando no medio da aula. Non vou dar datos concretos, porque tampouco é cuestión de converter este blogue nun programa do corazón, mais se vindes á mesma academia ca min saberedes quen é.
(Imaxe: https://vimeo.com/106820614) |
Todo comezou na primeira volta, alá pola primavera deste ano. Veu darnos aulas un médico aínda novo e un pouco peculiar, que nos aconsellaba con perlas de sabedoría como "Hay muchas partes de la anatomía a las que atender. Desde el lóbulo de la oreja a la punta de los pies todo tiene interés." ou "La mama no deja de ser un acúmulo graso con conductos galactóforos. No hay que obcecarse con ellas.". Polo medio das súas explicacións ía soltando comentarios que deixaban entrever un problema amoroso, comentarios sobre que perdera algo que non soubera valorar, e sobre que ás veces nós mesmos somos os maos e facemos dano sen pretendelo. Non obstante, el non renunciaba a loitar polo seu amor, e a frase que serviu de corolario a todos os seus comentarios foi "En la vida no importa tanto ganar o perder como luchar. Al final, esa es la verdadera victoria.".
Entrando no terreo da especulación, o que deducimos disto foi que o rapaz fixera algo ruín á súa moza, probabelmente pórlle os cornos, e ela cortou con el. Aínda así, el continuaba namorado dela e ía tentar recuperala.
Entón, chegamos a segunda volta, a finais do verán. O mesmo profesor volveu para darnos a segunda parte da mesma materia, e continuou na súa liña de comentarios indirectos sobre a súa vida. Xa contra o final do día, un dos alumnos levantou a man para facer unha pregunta, só que en vez dunha dúbida sobre a materia, o que dixo foi "A ver, ¿nos vas a contar qué es lo que pasó?". Nese momento o profesor arrubiouse e deu unha resposta igual de críptica que os comentarios que soltara antes, mais dando a entender que ía no bo camiño e que estaba seguro de que ía volver con ela. A frase que coroou os comentarios deste día foi "Todo santo tiene un pasado. Todo pecador tiene un futuro. Hay esperanza para todo el mundo.".
Entón, moitos datos novos non tivemos, mais algúns dos comentarios deron máis credibilidade á hipótese dos cornos, aínda que non podemos afirmar nada. Ah! E contou que a moza é galega, que non é algo que importe demasiado, mais é o único que soubemos dela.
Todo apuntaba a que non saberiamos máis da historia, xa que non habiamos de ter máis aulas con el. Mais por fortuna, hai pouco veu darnos outra materia outro profesor que é amigo seu, e que comparte con el o feito de facer comentarios persoais. Cando sacou o tema deste rapaz, comezou dicindo "Al final ha recuperado a su novia. Tranquilos, no le importa que hable de él porque él habla de si mismo todo el rato.". Despois desta boa nova, contounos que xa se reformara e estaba máis decidido que nunca á monogamia. Concretamente, díxonos "Una chica le hizo piecitos por debajo de la mesa y él dijo 'No, solo tengo ojos para mi chica' en voz alta, para que lo escuchase todo el mundo". E finalmente, para pór un broche de ouro á historia, acabou contándonos que "Se ha ido a Argentina. Está muy contento. Tememos por las clases de tango a las que se ha apuntado.".
E esta é a historia do profesor laretas que se portou mal coa moza e acabou volvendo con ela. Podedes tentar sacar algunha ensinanza, mais non creo que haxa ningunha. Ao final, son só cousas mundanas que acontecen o tempo todo. Mais ei, cando estás a estudar para o MIR, calquera escusa é boa para deixar un pouco de lado a medicina e pensar noutras cousas, por parvas que sexan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario