Alberto FM: «Orientación para un médico parado»


Este artigo é unha colaboración de Alberto FM. Se tu tamén queres colaborar con As MIR e unha noites, ponte en contacto pola páxina do Facebook ou o correo-e contacto@asmireunhanoites.com.

Máis ou menos así acabou a man do Alberto (Foto: Creations by Kara)

Pouco tempo despois de acabar a carreira apunteime como demandante de emprego no SPEG (o Servizo Público de Emprego de Galicia, o que vén sendo o INEM). Sendo sincero, fíxeno principalmente para así evitar pagar as taxas do exame MIR, e se de paso me saía algún traballiño ou curso interesante podería pensalo.

No momento en que te inscribes pasas tamén unha pequena entrevista para concretar a túa formación académica, idiomas e os teus intereses laborais, así como se dispós de carné de conducir e/ou coche, para así ter un perfil das ofertas que che poden ser útiles. Ademais díxenlle, e a funcionaria tomou nota, que estaba a estudar para o exame MIR, ó que ela respondeu que entón a miña busca de emprego non era activa, o cal eu confirmei.

A pasada semana chegoume unha carta citándome para unha entrevista de orientación laboral. Sorprendeume un pouco, pois levando tan pouco tempo e co meu perfil “pasivo” non cría que me fosen chamar nin para iso.

A pesar de que na entrevista inicial indicara que non teño coche propio e de que a apenas 500 metros da miña casa teño unhas oficinas sindicais en que realizan este tipo de entrevistas, a miña cita era nun polígono industrial na bisbarra ó outro lado da cidade. Como ese día non podía contar co coche de meus pais, tiven que coller un bus ata o centro da cidade e desde alí facer transbordo coa liña que necesitaba. Aí se foi case unha hora montado no bus.

O lugar da entrevista é un centro de formación laboral de construción e oficios similares e polo que puiden ver estaban facendo prácticas dándolle un lavado de cara ás instalacións.

Unha vez dei coa orientadora, procedeu a ler o meu perfil no computador. Cando viu que son médico acabado de titular preguntoume que é o que estaba a facer. Díxenlle que a curto prazo estaba a estudar para o exame do MIR e que se saía ben me incorporaría a traballar a finais de maio. Entón respondeume que pola súa parte a entrevista estaba finiquitada, que non lle dera apenas traballo porque realmente non tiña nada que dicirme. En parte é o lóxico, pois realmente estou xa “orientado”, mais sendo así non entendo por que me chaman a min xa que ben sei por coñecidos e familiares que hai xente buscando activamente emprego á que case non “orientan” nin fan ofertas de cursos ou traballo.

O mellor detalle foi que a continuación me preguntou se agora xa podía traballar antes de facer a especialidade. Expliqueille que as posibilidades eran moi limitadas, pois non podería traballar na sanidade pública nin privada. Si, en efecto, “orienteina” eu a ela...

Ademais lembreime de que na primeira entrevista me dixeran que cando tivese a certificación de solicitude do título llo achegase para que constase acreditado documentalmente. Pois a sorpresa foi que no computador xa consta que presentei o título, cando o teño desde hai só unha semana, co cal se me tivesen chamado para traballar podería telo feito sen demostrar que realmente son médico...

Realmente a orientadora foi moi agradable e mantivemos uns minutos extra de agradable conversa sobre os seus tempos de estudo en Santiago, pois estudou psicoloxía na USC, e estivemos a comparar as diferenzas da universidade na transición coa de agora.

Cando saín tiven que agardar media hora ó sol para que pasase un bus cara ó centro da cidade e unha vez alí facer transbordo cunha liña que pasase polo meu barrio. E aí se foi case outra hora montado no bus.

En conclusión, botei case toda a mañá para confirmar persoalmente que o sistema público de emprego non funciona ben. Ademais puiden darme conta de que algún dos estudantes dos cursos de formación que imparten nese centro non atendeu na clase na que lle explican que cando se pinta unha porta hai que sinalizalo para que a xente non se manche coa pintura fresca...

Ningún comentario:

Publicar un comentario