Este artigo é unha colaboración de Alberto FM. Se tu tamén queres colaborar con As MIR e unha noites, ponte en contacto pola páxina do Facebook ou o correo-e contacto@asmireunhanoites.com.
O aulario, o máis parecido a unha facultade nova que temos. (Foto: Páxinas Galegas) |
Cando comecei a carreira, nas miñas primeiras semanas pola facultade (e as do Jon, que levamos unha traxectoria de parella) foi reelixido como decano Jose María Fraga, por aquel entón case un descoñecido para min. A única vez que o vira fora na charla de comezo de curso da que unicamente recordo as moitas veces que dixo que os estudantes de medicina somos a elite... (comigo marcouse “un Sandro Rey”). A final de curso tamén foi reelixido como reitor Senén Barro. O seu punto en común era que frecuentemente estaba na boca de ambos a promesa dun novo edificio para a Facultade de Medicina co que segundo eles a docencia ía dar un salto de calidade.
Desde aquela as caras renováronse: Juan Jesús Gestal vai xa polo seu segundo mandato como decano e o actual reitor, logo dun mandato de Juan Casares, é Juan Viaño (ex-vicerreitor con Senén Barro). Pero algo segue constante: o novo edificio para a Facultade de Medicina continúa a ser noticia, pero nunca pola súa inauguración.
Este agardado edificio, que se ía construir “con total seguridade” en tan pouco tempo que os novatos xa acabariamos a carreira nel, pasou xa por numerosas localizacións, primeiro a carón do edificio de consultas externas do CHUS, despois un pouco máis apartado no coñecido como Banco do Pobre e agora proponse nos terreos do Gil Casares. A súa construción viña ligada a un proxecto de desenvolvemento da Universidade, inicialmente chamado Campus da Saúde e agora Campus Vida, e tivo diversos deseños que foron plasmados en planos, recreacións informáticas e maquetas con que facer campaña. Pero os fondos nunca chegaron.
Neste tempo o número de estudantes aumentou, mudou o plano de estudos alterando as necesidades estruturais e o edificio da facultade continuou a envellecer ata quedar irremediablemente desfasado.
De todas as dotacións prometidas, o único que vimos facerse realidade o estudantado de Medicina foi o aulario, bautizado como “Pavillón Docente”, un parche temporal con moitas carencias que se perpetúa no tempo.
É claro que a crise seguro que tivo un papel importante nos problemas económicos para construción do tan necesario edificio, pero non custa o máis mínimo crer que tamén foi clave a palabrería facilidade de promesa dos mandamais da universidade e a mentalidade electoralista dos políticos.
O Jon e mais eu xa terminamos a carreira, e mesmo lle demos un tempo extra (e uns cartiños, todo sexa dito...) á universidade para que cumprise a súa promesa de que acabariamos os estudos nunha nova localización, pero actualmente o novo edificio da Facultade de Medicina da USC nin está nin se espera...
Ningún comentario:
Publicar un comentario