Como facer as xestións para anotarse ao MIR 2016

Se non vos fiades desta captura de pantalla, podedes velo ao vivo na web do Ministerio da Sanidade.

Por se non vos decatastes, xa saíron as datas e prazos do MIR 2016. A primeira que tendes que ter en mente é o 18 de setembro, que é cando se vai publicar a convocatoria no BOE e teremos todos os datos claros e definitivos. E a segunda, e se cadra a máis importante, é o 6 de febreiro, día no cal terá lugar o temido exame.

Dito isto, eu non sei vós, mais eu ando bastante perdido no que a xestións, papelada e burocracia se refire. Entón, para tentar darlle un pouco de sentido a isto, vou facer un esquema de que e como hai que facer para que non teñamos problemas á hora de presentarnos ao MIR.

ACTUALIZACIÓN (18/09/2015): Xa está a convocatoria no BOE, podedes consultala na seguinte ligazón: Convocatoria do MIR no BOE do 18 de setembro de 2015 (PDF).

COUSAS QUE SE PODEN FACER XA (se é que aínda non as fixestes)

  • Pedir o título á USC

Para presentarse ao MIR é preciso ter o título da licenciatura/grao ou o resgardo de o ter pedido. Como hai que facer? Pois explícano na web da USC de forma algo críptica, de modo que vos conto.

Se queredes facelo de maneira presencial, tendes que ir á UXA Norte cunha fotocopia do DNI e 123,10€. Na UXA daranvos un impreso para ir ao banco ingresarlles ese diñeiro, ides ao banco, volvedes á UXA e entregades o impreso conforme está pago. E alá vos darán o resgardo de ter solicitado o título. Se non podedes ir persoalmente, pódeo facer outra persoa no voso nome se leva unha autorización vosa e unha fotocopia do seu DNI.

Se queredes facelo de maneira telemática, podedes enviar o voso DNI escaneado a uxa.norte@usc.es dicíndolle que solicitades o título, e cando vos respondan xa vos informarán de como facer para realizar o pagamento e recibir o resgardo.

Nunhas semanas chegará o título provisional, e nun ano e pico o título definitivo, mais diso non vos preocupedes, xa vos avisarán. O que importa agora mesmo é ter o resgardo.

  • Pedir a certificación académica (certificado de notas) á USC

Se queres facelo de maneira presencial, é só ir á UXA Norte, pedilo facer o pagamento dos 22,31€. Non volo dan no momento, teredes que esperar, de modo que o que vos recomendo é facelo por vía telemática.

Se queres facelo de maneira telemática, vai á Secretaría Virtual dentro da web da USC, dálle a Solicitude certificacións no menú da esquerda, dálle a Realizar unha nova solicitude e despois a Solicitude de certificación académica. Na páxina que vos aparece marcade a cela que di Tipo BIR, FIR, MIR, PIR, QUIR, seleccionade o modo de recollida e de pagamento, e xa está.

Na web da USC din que tamén é posíbel solicitala por correo electrónico e por teléfono, por se houbese algún problema.

COUSAS QUE HAI QUE FACER DO 21 AO 30 DE SETEMBRO (ambos os días incluídos)

  • Preencher o modelo 790

A partir do 21 de setembro poderedes descargar este impreso na seguinte ligazón (https://sede.msssi.gob.es/fse/modelo790). Ollo, baixádeo e imprimídeo, non vale que o baixe unha persoa e lle fagan varios fotocopias, que van numerados. Unha vez que o teñades, tendes que preenchelo e levalo ao banco para pagar as taxas (29,89€).

Este ano tamén se pode facer isto telematicamente na mesma ligazón, cun certificado dixital, DNI electrónico e cousas desas. Mais sexamos sinceros, quen usa esas cousas a día de hoxe?

  • Recolectar todos os papeis que hai que presentar

Pasando lista, tendes que ter preparado para entregar:

    • O modelo 790 preenchido e validado polo banco conforme pagastes as taxas
    • Fotocopia do DNI compulsada (ou levar copia e orixinal)
    • Fotocopia do resgardo de ter pedido o título, ou do título se xa o tendes, compulsada (ou levar copia e orixinal) [Ver a aclaración máis abaixo]
    • Fotocopia da cerficación académica compulsada (ou levar copia e orixinal)

Outros: Se é o caso, documentos de exencións das taxas, título de doutoramento e/ou impreso de renuncia á praza MIR previa. E no caso de persoas estranxeiras, dependendo das circunstancias, documento de identidade correspondente, pasaporte, permiso de residencia, homologación do título e/ou certificación de nivel C1/C2 de lingua castelá (porque seica é a única que importa, a pesar de que haxa 5 linguas oficiais en España).

ACLARACIÓN (18/09/2015): Tecnicamente, segundo figura na convocatoria do MIR, o que se ten que entregar se non se ten o título definitivo é unha copia do título provisional (chamado tamén "certificación de expedición de título", "certificación supletoria" ou cousas semellantes dependendo de para onde vire o vento), que tarda por volta de dúas semanas en chegar desde que se pide. No entanto, a "solicitude de expedición do título universitario oficial" (a folla coa que quedas despois de facer toda a papelada de pedir o título) tamén debía valer, como me dixeron extraoficialmente na UXA (oficialmente non poden dar información dunha convocatoria que non é da USC). E a pesar de todo, non vos preocupar, se no Ministerio se puxesen parviños este ano e nunha arroutada non aceptasen este papel, existe un prazo de 10 días desde a publicación das listas provisionais para achegar a documentación que falte. Sen ir ao MIR non ides quedar, non teñades medo.

  • Levar todo á delegación/subdelegación do goberno español ou a calquera rexistro xeral

Oficialmente hai que levar todo unha das delegacións ou subdelegacións do goberno español, que na Galiza son estas catro.

    • A Coruña: Delegación do Goberno - Área Sanidade. Rúa Durán Lóriga, 3 - 5ª planta. 15003 A Coruña.
    • Lugo: Subdelegación do Goberno - O. Información. Rúa Armayá, 10. 27071 Lugo.
    • Ourense: Subdelegación do Goberno. Parque de San Lázaro, 1. 32071 Ourense.
    • Pontevedra: Subdelegación do Goberno. Praza de España, s/n. 36071 Pontevedra.

Aínda así, vale case calquera rexistro xeral dunha administración pública. Informádevos no voso caso, mais por exemplo en Santiago de Compostela pódese levar ao rexistro da Xunta, que está na rúa Doutor Teixeiro, 26.

Unha vez feito todo isto, respirade fondo e agardade ao 16 de novembro que saian as listas provisionais de admitidos, onde se todo foi ben aparecerá o voso nome. E nese caso, só vos resta estudar a reo até que chegue o día do MIR!

Nota: O prezo total, entre taxas e expedicións de certificacións, é de 175,30 €. Para que teñades en conta cando falen de que a educación é pública e universal e esas chambonadas.

3 comentarios: