Este artigo é unha colaboración de Montse Fernández, residente de Medicina de Familia en Pontevedra. Se tu tamén queres colaborar con As MIR e unha noites, ponte en contacto pola páxina do Facebook ou o correo-e contacto@asmireunhanoites.com.
Entrada da facultade de Medicina de Santiago de Compostela (Fonte: vistasdelcamino) |
Non hai tanto eu era unha estudante máis propiamente dita, se ben na nosa profesión non podemos dicir que deixemos de selo algunha vez. Que pode representar un ano e medio na vida dunha persoa? É un suspiro, pero ás veces cambia a perspectiva dun xeito que case non podedes imaxinar.
O meu día a día pasa nun complexo hospitalario onde non é frecuente toparse con estudantes, aínda que esta situación cambiará axiña. Así que, o contacto máis directo que teño con eles é cos que solicitan as prácticas de verán. E como residente debo recoñecer que sigo topando fallos incuestionables na docencia que a min me mosqueaban xa nesa etapa da miña vida na que estaba rodeada por moreas de papeis manuscritos.
Estes últimos días cabreoume algo de verdade. Un destes compañeiros, falando con el do que sabía sobre electrocardiogramas, mencionome un tipo de patoloxía en particular, cando acababa xustiño de explicarlle o máis básico da exploración. Resúltame chamativo que pequenos que estén en cursos medios non aprendan o máis básico da medicina. Isto, dende o meu punto de vista, acaba traducíndose na transformación da nosa actividade que se está vendo nos últimos tempos. A perda dunhas correctas anamnese e exploración física potenciándose o uso de probas complementarias nas que a veces os profesionais solicitan algunhas que para eles non deixan de ter un significado incerto. Quizais é unha opinión enviesada que vén dada en parte pola miña especialidade, na que teño que sacarlles o máximo partido a todos os meus sentidos, pero é un tema do que cada vez falan máis e máis profesionais.
Por iso, quero enviarlles unha mensaxe ao profesorado e colaboradores docentes que lean isto. Sei que a vosa tarefa é complicada e non cuestiono que dades o mellor de vós para intentar transmitir os coñecementos que tedes. Pero en ningún momento perdades a perspectiva de que dende o momento que comezamos a percorrer as aulas das facultades é a vosa responsabilidade que sexamos excelentes profesionais. Evidentemente, non depende só de vós, senón tamén de nós. O que non entra dentro da lóxica é que os estudantes non aprendan ben o fisiolóxico antes de entrar no patolóxico. De que nos serve que un estudante saiba todo o relativo á fibrilación auricular se o primeiro dato polo que debe sospeitala é por unha auscultación cardíaca que é arrítmica?
A falta de tempo non debe ser a escusa permanente que debemos escoitar sendo estudantes e, moito menos, cando chegamos a residentes. Porque cando terminamos a nosa etapa de formación non podemos empregala en primeira persoa cando estamos diante dun ser humano que nos consulta por unha doenza. E deberíasenos respectar a todos dende que comezamos a actividade asistencial práctica, facéndonos partícipes activos, xa que a experiencia é algo que non achega ningún manual.
Toda a razón...
ResponderEliminarTotalmente dacordo. Pero unha pequena puntualización.
ResponderEliminarCoido que a interrogar e a explorar se aprende vendo interrogar e explorar, e interrogando e explorando un mesmo.
Non digo que non teña parte teórica que hai que explicar nas aulas, que si. Pero creo que neste caso o fundamental son as prácticas.
Entón xa nos meteríamos en como están organizadas as prácticas (moi deficientemente, como ti dis).... pero tamén na actitude coa que se vai ás mesmas.
Tal e como están organizadas non é o mesmo ir con ganas de aprender... que ir coa idea de cubrir un papeliño de firmas, pasar toda a mañá mirando o móbil e marchar á 1 porque "temos seminario".
E partindo da mesma organización de prácticas, nótase o primeiro día de R1 en urxencias quen ía con unha actitude e quen ía coa outra.
Prezada Laura:
EliminarEstou en boa parte de acordo contigo, se ben parto dunha opinión un chisco diferente. Eu considero que a anamnese e a exploración se aprende facéndoa un mesmo, contando con alguén que nos titorice ao lado (que debemos ter tanto estudantes como residentes) que nos poida explicar algo que non sabemos e correxir os erros no caso de que os cometamos. No que ti dis de que se aprende vendo non estou tan de acordo, xa que os coñecementos que adquirimos "por ósmose" son certamente limitados e un mesmo debe aprender a explotar os seus sentidos.
Como ti dis e eu mencionei, a actitude positiva é algo que debe vir por ambos lados. Moitos tratan aos estudantes como un 5º membro pseudofantasma que os persegue por todos lados pero moi limitado no que lle deixan facer. Así que, por moi ilusionado que vaia a unhas prácticas ao final ese ánimo acaba decaendo. O de que os seminarios sexan a última hora paréceme o mellor do mundo dentro da actividade asistencial para un estudante, xa que nas plantas so esperas por algún resultado ou é cando te limitas a facer as altas, poden ir á maior parte das consultas e o quirófano pode resultarlles productivo se lles permiten botar unha man en algo (pero iso non adoita pasar). Por exemplo, nunha planta, considero que para eles é máis productivo poder historiar algún que outro ingreso e ir vendo como evolucionan os pacientes, que mirar para o adxunto ou o residente co que esté rotando cando fai un informe de alta.
E, por último, non considero que o primeiro día que un fai unha rotación sexa un determinante para ver se é un traballador nato ou non, principalmente porque aínda non se sabe como funciona un servizo e tes moito por diante que aprender, sen contar co estrés que nos pode xerar enfrontarnos a unha situación nova na que por riba temos unha grande responsabilidade. Evidentemente, pasar de todo non é unha opción, pero no que un non adquire uns coñecemos e unha sistemática pasa un tempo.