Si, sei que chego tarde e que xa vai case un mes da nota de prensa do Ministerio de Sanidade coas novidades do MIR 2016. Mais como din que mellor tarde do que nunca, vamos dar unha olladiña ás cousas que mudan, que non son poucas.
Para nós en Medicina as modificacións son principalmente 3:
- A administración entra no século XXI e comeza a permitir facer as xestións pola Internet. Dunha banda, o pago de taxas e a presentación da solicitude será posíbel por vía telemática para calquera persoa cunha sinatura electrónica, como é o DNI electrónico. Ollo, poderá continuar a facerse polo método de sempre, que xa sabemos que moita leria, mais o lector do DNI electrónico non hai dios que o dea configurado. Da outra banda, tamén encoraxan a facer a solicitude para a adxudicación da praza pola Internet. Este ano os "MIR" de Bioloxía, Química, Radiofísica e Psicoloxía só teñen adxudicación telemática; e aínda que Medicina, Enfermaría e Farmacia aínda teñen a adxudicación de maneira presencial, é de esperar que nuns anos tamén desapareza, polo que están xa a dar o paso aos poucos.
- A hecatombe. O número de respostas posíbeis en cada pregunta pasa de 5 a 4. Non se di nada de como restarán as preguntas mal respondidas, mais todo parece apuntar que iso non mudará, e continuará a ser cada unha mal -0,33. Que significa isto? Pois que respondendo todo o exame ao chou, estatisticamente vas quedar a pre, no 0. Antigamente, con 5 opcións, isto mesmo significaba acabar con saldo negativo. Á parte de converter en papel mollado todo o que se ten falado de cal é a opción máis probábel, ten dúas consecuencias, unha boa e outra mala. A boa é que ao haber menos opcións hai menos que ler e vaise aforrar tempo, uns 19 minutos segundo estiman. A mala é que isto pode estreitar a variación entre as notas máis altas e as máis baixas, facendo que o exame sexa peor diferenciando a xente e que teña máis relevancia a nota da carreira.
- A folla de respostas pasa a ser de marcar, e non de escribir o número. Vai ser unha destas que se corrixen automaticamente cunha máquina, o que vai minimizar os erros humanos, especialmente no caso de persoas con mala caligrafía. Non fica claro como vai ser o tema no caso de confundíreste ao marcar, porque se hai que responder a boli non se pode borrar, e como haxa que preencher unha folla nova cada vez que haxa un erro non se vai dar feito. O Ministerio limítase a dicir "Como en convocatorias previas, el aspirante podrá subsanar durante el examen la respuesta que considere errónea y que ya hubiese marcado en la hoja de examen".
E iso vén sendo todo. Se queredes ler a nota de prensa íntegra téndela aquí en pdf.
Ningún comentario:
Publicar un comentario