Alberto FM: «A ruta do cambio»


Este artigo foi escrito polo meu compañeiro de batallas Alberto FM, e vén sendo unha continuación de como foi o día que acabamos Medicina (o cal contei nestoutro artigo). Non lle movín unha vírgula, así podedes desfrutar do seu barroquismo textual e das súas inmensas frases de 4 liñas. Ai, cantas discusións tivemos por culpa diso para redactar o TFGM, mi madriña!


Ata o de agora sempre escribín cousas serias para o blog, mais xa era hora de deixar de ser un carca, como diría Pablo Casado, e contar algo lúdico.

Como ben sabedes, hai uns días Jon e mais eu expuxemos o noso TFGM ante o tribunal de avaliación. A continuación, como tiñamos previsto de antemán, démonos unha pequena pero ben merecida celebración.

Polo visto había un coletas a pulular eses días por Galiza, pero n'As MIR e unha noites vamos sempre por diante e o camarada Jon e o seu coletas de cabeceira, este que vos escribe, xa fixemos antes a nosa propia ruta do cambio, do cambio de estudantes a licengraduados en Medicina: o París-Ourense-Dakar.

Foi unha apaixonante viaxe pola rúa do Franco compostelá nunha solleira mañá de xuño, ateigada de turistas e vendedoras de doces que, a pesar de estarmos xa case titulados, seguen a detectar o noso cheiro estudantil e non nos ofrecen nin tan sequera as migallas.

De esquerda a dereita, Jon no París, Alberto no Orense e Jon de novo na terraza do Dakar. Como podedes comprobar, na primeira das fotos hai un arco da vella, como símbolo do apoio do Jon á causa LGBT. Porén, o Alberto prefire fumar un puro, dando un exemplo pésimo a toda a xente que segue este blogue.

Baixo a abafante calor, o semáforo da Alameda deunos a saída (“Porta Faxeira, pode pasar”) e dirixímonos directos ó renovado París. Non vou entrar en se a renovación foi para mellor ou para peor, pero si podo afirmar con rotundidade que alí unhas cervexas da terra saciaron a nosa sede.

A continuación continuamos camiño ata a seguinte parada, o Orense (perdóaselle a falto do “u” porque aínda debe conservar o rótulo orixinal de tempos pretéritos). Rodeados de xente na flor da vida, pedimos un viño branco que nos proporcionou a única decepción da viaxe: non nolo serviron en cunca! Pero certo é que nos prestou igualmente.

E por último chegamos ó Dakar. Na súa terraza rodeámonos de xentes de múltiplas nacionalidades degustando pratos tan típicos da terra como espaguetes ou paella... Mentres, nós desfrutabamos dos nosos chupitos de licor café, que polo prezo ben podía ser café de civeta.

Xa enolizados abondo con forzas renovadas decidimos finalizar o camiño como bos peregrinos, na catedral, adornada para a ocasión cuns vistosos andamios que deleitaron a nosa vista. E xa postos, non podiamos conformarnos con ese final e decidimos despedirnos do noso lugar de culto durante os últimos 9 anos, como ben merece, co dedo ergueito.

Na segunda das fotos non hai nada que fose borrado. O Jon nunca toleraría que o Alberto censurase unha foto publicada neste blogue.

Alí finalizou a nosa andaina e separáronse os nosos camiños, pero xa logo a academia nos volveu xuntar. Por fin comezou a conta de noites ata o MIR.

2 comentarios:

  1. Realmente, xa que recomeza a conta atrás, esta entrada xa tería que ter no título o de "día X" :-D

    ResponderEliminar
  2. Tedes a emoción da celebración escrita nas vosas caras 😒

    ResponderEliminar