Como leriades xa na prensa, esta semana foi ingresado un neno de 6 anos por difteria en Olot (Cataluña). Nestes momentos encóntrase en estado crítico, aínda que estábel, á espera de ver se fai efecto o tratamento con antitoxina diftérica e antibióticos. Se se tratase doutra doenza, isto non deixaría de ser unha desafortunada casualidade, mais non neste caso. A difteria considerábase erradicada na península (o último caso remóntase a 1987), e só reapareceu pola estupidez dunha nai e un pai ao non querer vacinar o fillo.
Segundo conta o xornal ABC, a nai do neno ingresado é unha fisioterapeuta que practica a homeopatía. Tanto ela como o home non eran partidarios das vacinas, e voluntariamente puxeron en risco tanto ao fillo como á filla máis nova. Afortunadamente, despois do desgrazado incidente, recapacitaron e accederon a vacinar a nena e vacinarse eles mesmos. Custoulles caro aprender a lección.
Non me vou asañar máis coa nai e o pai, que xa bastante teñen. E non me vou centrar na difteria, se queredes máis información podedes ler na Wikipedia ou neste artigo do El País (sabede só que a mortalidade desta doenza varía entre 5% e 10%, podendo chegar a 20% en menores de 5 anos ou anciáns). En vez diso, vou só tentar dar unha pincelada sobre o que son as vacinas.
QUE É UNHA VACINA?
No caso das doenzas infecciosas, a causa está nos patóxenos, maioritariamente virus ou bacteria. Unha vez entran en contacto co teu corpo inféctante e reprodúcense moi rápido, e o corpo tarda en crear anticorpos para loitar contra eles. Unha vacina é un composto desas bacterias ou virus, só que atenuados ou mortos, de xeito que non poden infectarte mais si facer que o corpo cree anticorpos. E o interesante non son eses anticorpos, senón que despois de producilos tamén se xeran unhas células de memoria, de xeito que para cando te encontras cos verdadeiros patóxenos a reacción do teu corpo é moito máis rápida e non dá tempo a que adoezas. Isto é o que se chama inmunización.
E AS VACINAS NON TEÑEN EFECTOS SECUNDARIOS?
Como todo nesta vida, non están exentas de problemas. Varían segundo cada vacina, están perfectamente estudados e dispoñíbeis ao público, e a médica estará encantada de informarte e asesorarte no momento da vacinación. De maneira xeral estes efectos adversos son febre e arrubiamento e inflamación no lugar da inxección. Problemas máis graves, como un choque anafiláctico, danse en menos de 0,001% das persoas. Isto é, menos de unha en cada millón de persoas vacinadas.
O asunto está en que da outra banda, se non te vacinas, a probabilidade de ter unha doenza perigosa é moito maior. Cousas como a meninxite, a hepatite ou a parotidite (papeira) non son pataca minuta. Alén disto, segundo datos da Organización Mundial da Saúde, as vacinas evitan entre 2 e 3 millóns de mortes ao ano. Os beneficios superan, con moito, o insignificante risco.
POIS EU OUVÍN QUE AS VACINAS CAUSAN AUTISMO
Argumentos como "eu ouvín", "dixéronme", "fulaniño asegura que" non valen. Son rumores e crenzas falsas que se espallan entre a xente, porque é máis doado crer o que che din que ter actitude crítica e informarte. E neste caso é rotundamente falso.
O rumor comezou por unha publicación dun médico chamado Andrew Wakefield, que relacionaba a vacina tripla vírica (sarampo, parotidite e rubéola) co maior risco de padecer trastornos do espectro autista. Demostrouse que o investigador mentira, que falseara datos e que mantiña relacións económicas con organizacións antivacinas. Alén diso, moitos estudos posteriores demostraron unha e outra vez que non existe relación ningunha. Mais tanto ten, o dano xa estaba feito.
Curiosamente, o que si aumenta o risco de autismo é que a nai padeza rubéola durante a gravidez. Ou sexa, non só non é causa, senón que a vacinación preveu moitos casos de autismo.
MENTIRA, COÑEZO CASOS DE TETRAPLEXIAS E AUTISMO POR CULPA DAS VACINAS!
As casualidades acontecen, e non ten por que haber relación causa-efecto. Se unha persoa pon unha vacina e despois sofre unha tetraplexia non significa que fose a vacina a que causou a tetraplexia. Por exemplo, se como un bocadillo deitado na praia e resulta que queimo a pel, non quere dicir que o bocadillo provoque queimaduras. Para demostrar que existe unha relación fan falta moitos estudos científicos, en moitos individuos, que así o afirmen. E a día de hoxe todos os estudos serios conclúen que non existe esa asociación.
Si, e existen vacinas que teñen tiomersal como conservante, que é un derivado do mercurio. Mais non, non existe evidencia científica de que sexa daniño para a saúde nin de que cause tetraplexias nin trastornos do espectro autista. Ou sexa, que non hai de que se preocupar.
MOI BEN, MAIS SE TODO O MUNDO ESTÁ VACINADO E NINGUÉN TEN A DOENZA, PARA QUE TEÑO QUE VACINAR OS MEUS FILLOS E FILLAS? NINGUÉN AS VAI CONTAXIAR!
Ese argumento dá noxo. Como calquera método de prevención, as vacinas non teñen unha efectividade de 100%, polo que é posíbel que unha persoa non vacinada se contaxie se está exposta. Tamén existe un grupo de persoas que non poden vacinarse por seren inmunodeficientes ou alérxicas a algún dos compoñentes das vacinas, que dependen da inmunidade colectiva para a súa propia protección. Por tanto, non vacinarse é un risco para toda a sociedade, non só para a persoa non vacinada.
E, por riba de todo, estás a pór a túa filla ou fillo nun risco innecesario, expóndoo a multitude de doenzas graves, que poden causar secuelas e potencialmente a morte. E non ten por que pagar coa súa saúde as consecuencias da túa estupidez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario