Alberto FM: «Ollo coa información viral na rede»


Este artigo é unha colaboración de Alberto FM. Se tu tamén queres colaborar con As MIR e unha noites, ponte en contacto pola páxina do Facebook ou o correo-e contacto@asmireunhanoites.com.


Como sei que os lectores de As MIR e unha noites botabades de menos a miña elevada calidade literaria, coma se dun sopro de aire fresco nunha noite de verán ourensá se tratase, decidín voltar para compartir convosco unha pequena reflexión.

Nestes días de aluvión de información e desinformación (e menos mal que Mariló adiantou as vacacións) sobre as vacinas e todo o que as rodea, marcoume especialmente a declaración dos pais do neno con difteria na que dicían sentirse enganados polo movemento antivacinas.

Non vou plasmar por escrito os adxectivos que automaticamente pensei sobre eles, pero digamos que pensei que son canto menos uns pais demasiado inocentes que creron antes en pseudociencia e teorías conspiranoicas dignas de Cuarto Milenio que na evidencia científica.

Ademais, observei paralelamente un curioso fenómeno internetil. Cando atopo unha nova que me parece interesante para o blog envíolla a Jon, como foi o caso dunha nova relacionada con certo profesor moi apreciado na nosa facultade que algunha coñecida compartiu no Facebook. E Jon, mente preclara onde as haxa, indicoume que a nova era de 2011... Mais o longo do día máis e máis coñecidos caeron no mesmo “engano” ca min e compartiron esa mesma nova como se fose recente.

E entón chegou ás miñas mans este video sobre a toxicidade da información masiva da rede. Crin que era axeitado compartilo convosco e invitarvos á reflexión sobre o nivel de fe case cega que ás veces temos na información que se espalla viralmente polas redes sociais, especialmente cando se trata de información supostamente ciéntifica, pois é fácil caer en enganos e converternos nos adxectivos que eu pensei para os pais do neno con difteria, co grande agravante da nosa formación científica.

Agardo que sexa do voso agrado!


O vídeo ten dispoñíbeis lexendas en castelán e portugués, lémbrate de activalas!



ARTIGOS EXTERNOS RELACIONADOS:

Ningún comentario:

Publicar un comentario