#distractinglysexy, a resposta das científicas ao Nobel machista

Foto: Caution! Caution!

Como veriades estes días na prensa (e se non xa volo conto eu) o científico inglés Tim Hunt, premio Nobel de Fisioloxía e Medicina en 2001, fixo uns comentarios fortemente machistas sobre as mulleres na ciencia nunha conferencia. Concretamente, as declaracións foron: "Déixenme que lles conte o meu problema coas raparigas. Pasan tres cousas cando están no laboratorio: namóraste delas, elas namóranse de ti e, cando as criticas, choran".

E aínda que o Tim Hunt acabou dimitindo (ou, máis exactamente, sendo forzado a dimitir) do seu posto como profesor honorario no University College London, non pensedes que caíu da burra. O seu modo de pedir desculpas foi dicir "Subscribo a parte dos problemas coas raparigas. É verdade que a xente... eu namoreime nun laboratorio e namoráronse de min e é moi perturbador para a ciencia porque é moi importante que nun laboratorio a xente estea en termos de igualdade".

En fin, o caso é que o Twitter pode ser marabilloso, e millares de mulleres compartiron as súas fotos sendo distraentemente sexys distractivamente sexys distractoramente sexys tan sexys que distraen. Vouvos pór aquí algunhas das miñas favoritas, mais podedes ver todas no hashtag #distractinglysexy.




















E vós que? Non vos animades a partillar no Twitter as vosas fotos sendo #distractinglysexy?

Ningún comentario:

Publicar un comentario