Día 644: Gotta catch 'em all!

Este é o diploma que certifica que completei a Pokédex. Mais só completar a Pokédex non era suficiente reto para min.

A miña historia con Pokémon remóntase ao Natal de 1999, cando me regalaron unha Game Boy Color co Pokémon Azul. Por cousas da vida e de non saber, o cartucho que me compraran era unha copia pirata da versión americana. Por ser versión americana, a pesar de estar en inglés, permitíame facer moitos trucos e obter cousas que non había na versión europea. A parte mala é que por ser versión pirata a partida borróuseme un par de veces. Mais por sorte, no verán de 2000 saíu o Pokémon Amarelo, e con moito tesón conseguín xuntar nel os 151 pokémons. Un de cada especie.

No 2001, polo meu aniversario, regaláronme o Pokémon Prata. Esta nova xeración de xogos incluía 100 novos pokémons, que de novo volvín conseguir. E non só iso, senón que pasei todos os pokémons do Pokémon Amarelo, tendo así todos os 251. Un de cada especie. No Natal dese ano saíu o Pokémon Cristal, mais xa aos poucos fun deixando a afección, e a Game Boy foi acumulando pó.

E chega o Natal de 2013. Despois de 12 anos apartado, o novo Pokémon X chamoume moito a atención. E, inesperadamente, regaláronmo xunto cunha Nintendo 3DS de segunda man. Despois de pasalo entroume a nostalxia e collín os primeiros xogos de Pokémon para recordar vellos tempos, mais os cartuchos da Game Boy usan unha batería de reloxo para gardar a partida. E si, duran moito, mais 12 anos foron abondos para que se me borrase a partida do Pokémon Prata. Adeus aos 251 pokémons que con tanto esforzo coleccionara.

Entón, nese momento, púxenme unha nova meta na vida: conseguir todos os pokémons no Pokémon X. Todos eles. Tiven que pasar xogos antigos para conseguir pokémons exclusivos. Tiven que intercambiar pokémons online con xente de todo o mundo. E hoxe, 7 de abril de 2015, máis dun ano despois do meu regreso ao pokémundo, conseguín todos os 719 pokémons que existen até a data. Un de cada especie. E pensei... se no blogue falei do Zelda: A Link Between Worlds e do Zelda: Link's Awakening, unha proeza como este ben merece unha entrada propia.

Sei que se ve mal, podes premer para alargar a imaxe. Son 24 caixas do xogo, con 30 pokémons cada unha. Todos os 719.

P.S: Levaba meses á procura de Victini, o último que me faltaba, e hoxe intercambioumo un californiano chamado Jay. :)

4 comentarios:

  1. E tes a Mew? Eu conseguirao a primeira (e única) vez que pasei o Pokemon Azul, hai anos luz xa, jeje
    E a MissingNo?

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Todos son todos, incluíndo Mew, Celebi... e mesmo Arceus, o deus do mundo Pokémon. E logo?

      MissingNo. non, porque non é un pokémon, é un erro de programación dos primeiros xogos (MissingNo. significa "Missing Number") e nos xogos novos xa foi corrixido. Aínda así, eu sempre apoiei que o metesen como pokémon oficialmente. Quen sabe se cando cheguen a mil...

      Eliminar
    2. Xa sabía que era un bug pero xa non xogaba Pokemon cando me enterei... Aínda perdínj tempo probando un par de veces a ver se saía, pero nunca funcionou e daquelas internet era un mundo descoñecido, jaja.
      Bah, non presumas tanto e busca quen cho pase, senon non os tes TO-DOS :-p

      Eliminar
    3. Nos xogos de Pokémon a partir da 3º xeración (os da Game Boy Advance) xa non aparece o erro de MissingNo. Téñoo na partida do Pokémon Azul, mais non existe xeito ningún de pasalo aos xogos novos.

      E eu nos xogos vellos fixen cousas que non poderías imaxinar. Non só tiña a MissingNo., tiña a M' e unha chea máis de pokémons-erro con nomes que non se poden escribir con caracteres latinos. Dominei a técnica da fusión de pokémons, teño pokémons con ataques imposíbeis, pokémons no nivel 255 e pokémons no nivel 0. Mais todos eses momentos vanse perder no tempo como peidos no vento.

      Eliminar