Recordades a que se armou cando quedei sen Internet en Irun? |
Lembraredes, e se non xa volo conto, que vivía nun pequeno estudio na zona das Cancelas. Chámalle estudio, chámalle buraco infecto, cheo de humidades e con temperaturas próximas ao punto de fusión do nitróxeno (ou sexa, moito frío). Dito isto, aconséllovos que nunca vivades nun piso -2, por moito que volo vendan como entresuelo. O caso é que xa alí tivera problemas para ter Internet, mais ao final argallei unha solución.
Pois ben, a boa nova que vos teño que contar é que me mudei e agora vivo nun lugar mellor. Máis céntrico, máis grande, con temperaturas normais e sen problemas de humidades. O reverso tenebroso é que volvo non ter Internet. Non vos preocupedes, hei de argallar algo de novo, son home de recursos, mais pasará un período de tempo indeterminado até entón. E iso que quere dicir? Que polo momento o blogue será actualizado moito menos. Síntoo, é o que hai.
Agora virá alguén a replicar Pero se non tes Internet, como é que estás a escribir isto no blogue? Estafador!. En primeiro lugar, sosega un pouco. E en segundo lugar, vin á Conchi para me conectar. E permitídeme outro consello, por moi ben que disimuledes e vos fagades pasar por investigadores (ei, eu estou a traballar no TFGM, que tecnicamente é un traballo de investigación!) non vaiades á primeira planta. Hai un home rabudo que anda á espreita e como sospeite o mínimo bótate fóra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario