Paula, médica de familia: «Cousas que preguntar nos hospitais e centros de saúde»


Paula Iris Iglesias estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, presentouse ao exame MIR en 2014 e actualmente é R1 de Medicina Familiar e Comunitaria na Unidade Docente Multidisciplinar de Atención Familiar e Comunitaria de Ferrol. Estes son os consellos que dá á hora de visitar hospitais e centros de saúde para escoller a praza de Medicina de Familia onde facer a residencia.


Andar a preguntar polos hospitais pode cansar moito...

Parece mentira pero, cando o Jon me pedíu alá por decembro se podía escribir algo sobre o MIR para o seu blogue, decateime de que esa época era xa unha lembraza difusa de nervios e manuais pintarraxeados. Ían meses que nin pensaba nos simulacros, nas voltas, percentís e todas esas parvadas. E así vos pasará a vós. Unha vez teñades a vosa praza, todo o que acontecera meses antes disolverase como azucre en auga.

O que si teño aínda moi presente é o proceso que seguín para escoller praza, así que decidín facer a colaboración co Jon sobre este tema.

Primeiro aclarar que eu escollín Medicina Familiar e Comunitaria (MFeC) e o proceso é un pouco diferente ao resto de especialidades pero intentarei que este texto sexa útil para todos.

A continuación vou comentar algunhas das particularidades da MFeC a ter en conta ao escoller praza:

a) Hai dous días de elección:
  • O 1º dia é en Madrid cos demais opositores. Alí escolles a área sanitaria onde queres formarte (Santiago, Vigo, Ourense...).
  • No 2º día (a data depende da unidade de docencia dos hospitais) escolles centro de saúde, e en certos casos tamén titor e hospital. Polo xeral tamén se escolle por número MIR, aínda que fóra de Galicia souben de sitios que prima a orde de elección de praza (por exemplo, alguén que fose á segunda volta podía ter mellor número que os demais pero sería o último en decidir).

b) Podes acabar máis lonxe do esperado: O exemplo máis característico é o de Lugo, que sen querelo podes acabar os catro anos de residencia en Burela. Lembra que en Madrid escolles área sanitaria, polo que convén coñecer ónde se ofertan as prazas e tentar escoller dos primeiros nunha área, de xeito que despois teñas as menos sorpresas posibles. Quero puntualizar que non estou a dicir que Burela sexa unha mala opción, todo o contrario, mais non é a primeira vez que alguén aluga piso en Lugo para que o primeiro día da Residencia o manden a 100 km os catro anos.

c) Ata tres listas: polo comentado antes é recomendable realizar tres listas: unha de áreas, outra de centros de saúde e outra de titores. E en certos casos, unha cuarta de hospitais. 

d) Gardas de tarde: en Galicia os residentes fan gardas de 17 horas, 24 horas en festivos, pero noutros lugares as gardas de PAC poden ser de tarde (dormes na casa pero tes garda máis días).

Sabendo isto, fixen unha lista moi friki de cousas que preguntar nos hospitais e centros de saúde tomando de base outra que atopara pola internet:

1.- Organización xeral da residencia
  • Distribución cada ano. Se está ben organizada.
  • Rotacións fóra do servizo e canto tempo. O trato ao R de MFeC é como a un residente máis ou de segunda. Compartes rotación con outros residentes. Ensínante e déixante realizar actividades propias dese servizo.
    • Obrigatorias.
    • Opcionais.
  • Se escolles o centro de saúde por número de orde de MIR ou por orde de elección de praza.
  • Escolles titor ou é por sorteo. De escoller, cal me recomendarías.
  • Realización dalgún tipo de exame durante a residencia. Consecuencias do mesmo.

2.- Gardas
  • Cantas ao mes. Número máximo de horas ao mes. Son de 17 horas ou de tarde.
  • Tipo de gardas. Cantas hospitalarias e cantas de centro de saúde.
  • Nivel de traballo e demanda na garda.
  • Supervisión polos adxuntos (presencial/localizado). Preocupación pola túa formación.
  • Libranza das gardas. No caso de especialidades cirúrxicas: Peonadas? Nese caso se son remuneradas ou non.
  • Como se organizan as gardas, canto tempo partides para xantar e cear, pódese dividir a noite cos compañeiros e durmir algo, só con adxuntos ou acompañados de R maiores.

3.- Actividade médica
  • Relación cos adxuntos, supervisión, interese pola docencia.
  • Algunha área da especialidade que non se trate na residencia. Solucións que ofrecen.
  • Sesións, sesións en rotacións.

4.- Ambiente
  • Entre residentes da mesma especialidade.
  • Entre residentes de distinta especialidade.
  • Cos adxuntos de familia.
  • Cos adxuntos doutras especialidades.
  • Trato ao rotante de familia.

5.- Horario de traballo
  • Hora de entrada e saída.
  • Os sábados son considerados festivos.

6.- Outros: investigación, publicacións, comunicacións, congresos, tese doutoral.
  • Posibilidade de rotacións no estranxeiro. Facilita o servizo as ditas rotacións.
  • Investigación clínica ou experimental.
  • Publicación de artigos. Participación dos residentes neles.
  • Envíanse comunicacións e/ou pósters a congresos. Facilitan a asistencia a congresos. Posibilidade de conseguir axudas económicas para as devanditas actividades.
  • Tese doutoral / Máster.
  • Organiza o servizo algún curso, congreso...

7.- Remuneración
  • Soldo bruto do residente cada ano.
  • Canto pagan por garda.

8.- A cidade
  • É cara a vida na cidade, aluguer de pisos.
  • Calidade de vida.

9.- Traballo ao rematar a residencia
  • Perspectivas laborais. Están traballando os últimos residentes.
  • Preocupación polo servizo por facilitarche unha saída laboral ao finalizar a residencia.
  • Que se ten en conta ao contratar tras a residencia. Ofrécese no devandito servizo.
  • Apreciación de adxuntos queimados. Cres que en maior medida que noutras especialidades.

10.- Nivel global de satisfacción
  • Por que escolliche esta especialidade e área. Cal era a túa primera opción e por que. (Un inciso. Esta era a pregunta que máis me frustraba nas miñas andainas por hospitais e centros de saúde... A resposta case sempre era "Porque eu son de aquí")
  • Volverías escoller a mesma especialidade. Por que.
  • Volverías facelo no mesmo hospital e centro de saúde. Por que.
  • Pros e contras.
  • Se abandonan a residencia. Os abandonos agloméranse nalgún centro de saúde ou titor en concreto?
  • Opinións doutros centros de saúde, titores e hospitais.

11.- O hospital e o centro de saúde
  • Cantos residentes hai por ano?
  • Que centros de saúde hai. Que opinións hai dos mesmos. Técnicas que se encargan neses centros de saúde (ecografía, citoloxía, cirurxía menor...)
  • A comisión de docencia organiza actividades.
  • Vense moitos pacientes ou poucos.
  • Hospital grande vs. hospital pequeno.

12.- Urxencias (se vos interesa esa saída laboral)
  • Área docente prourxencias.
  • Hospital grande vs. hospital pequeno.
  • Máster, cursos, rotacións optativas.
  • Que se fai nas gardas.
  • Permiten aos R maiores ver críticos.
  • Posibilidade de traballo en Urxencias e 061.

13.- Opinión dos outros servizos.


E unhas puntualizacións que debedes ter todos en conta. Evitade aqueles servizos que:
  • Preguntan de primeiras o número de orde. Daranche unha información ou outra segundo a túa posición. Podes dicir con orgullo que es o número 10, pero pintaranche o servizo como un paraíso de unicornios rosas que comen cupcakes baixo un arco da vella.
  • Non te atenden nin mostran interese en responder ás túas preguntas.
  • Poñen trabas para que fales cos residentes ou non te deixan falar sós con eles (isto pasoume nun determinado servizo do CHUAC)
  • Non se libran as gardas ou fan máis de 6 ao mes.

En todos eses casos: piriquí quitiví.

E unhas últimas recomendacións:
  • Mercade un caderno e anotade todo aí. Eu no meu tiña anotadas as áreas e os seus respectivos Centros de Saúde e localización, prazas ofertadas, repostas da xente con que falei... Mesmo tiña localizados todos os Centros de Saúde ofertados na app Google Maps. Levoume traballiño, pero ao final pagou a pena.
  • Pateade o máis posible, preguntade a cantas máis persoas mellor, residentes de todos os anos (mellor R2-R3), adxuntos... mesmo enfermeiros. Entrade ata na cociña se fai falla.
  • Comezade a visitar polos hospitais que a priori menos vos interesen, de xeito que cando vaiades aos que máis vos chamen xa esteades entrenados nas artes interrogatorias.
  • De precisalo, facede máis dunha visita ao mesmo hospital.

A pesar deste tostón que vos metín, seguro que deixei moitas cousas sen dicir. E claro, convido aos meus compañeiros doutras especialidades a que suxiran outras cuestións interesantes máis específicas do seu campo que a min me escapen.

E vós? Tendes claro o que facer? Non? Compartide as vosas inquedanzas na sección de comentarios e non vos esquezades de vos subscribir a As MIR e unha noites! Saudiña!

Ningún comentario:

Publicar un comentario