Día 599: Que foi, McFly, es unha galiña?

Hoxe tivemos todo o día aulas de Estatística e Epidemioloxía na academia do MIR. Aínda que a materia é densa e custa comprendela, houbo dúas referencias a Regreso ao futuro (un dos meus filmes favoritos) en dúas preguntas que fixeron que o día pagase a pena.

«Espera un minuto, Doc. Estasme a dicir que construíches unha máquina para detectar o DNA do VHB... nun DeLorean?»

«Se os meus cálculos son correctos, cando esta beleza alcance unha prevalencia de 10%... vas ver algo abraiante.»

En efecto, como podedes ver todas as preguntas deste tema son cálculos. O bonito é que no MIR non se pode usar calculadora, hai que facer os cálculos de cabeza. Ou sexa, para continuar a parafrasear o filme: «Calculadoras? Onde imos non precisamos de calculadoras».

Bonus!

Unha pregunta extra, xa non relacionada con Regreso ao futuro, mais igualmente boa.

«A enfermidade Z asolou a humanidade. Despois de moito investigar, finalmente achamos a fonte da epidemia: Factor X. Ver o 'talent show' da televisión transformou todas as telespectadoras en zombis.»

Si, vaia, este último chiste quedoume un pouco coxo, mais... que esperades? Levo todo o día na aula de estatística! Non podo ser enxeñoso sempre!

Ningún comentario:

Publicar un comentario