Este artigo é unha colaboración do Comité Aulario Medicina 26F. Se tu tamén tes algunha cousa que contar, ponte en contacto polo Facebook, o Twitter ou o correo-e contacto@asmireunhanoites.com.
(Máis info no Facebook do Comité Aulario Medicina) |
Non é ningún segredo hoxe en día que a universidade pública cada vez é menos pública e máis un asunto pesado no que as poutas do intervencionismo privado estrangulan a calidade e o porvir dunha excelencia docente que se retorce baixo o dogma da presión económica. A universidade, a nosa universidade pública, maltrátase e anúlase a mercé dunha hexemonía política que ten pouco de discreta e moito de totalitaria que torna o dereito lexítimo da formación universitaria nun acto imposíbel, arduo e inintelixíbel.
É deste modo como chegamos á celebración dunha nova folga, na que baixo o lema de «por un ensino popular, científico, antipatriarcal e galego» se esixen medidas de cambio útiles para facer do ámbito universitario o que sempre debeu ser, un cambio no que a participación de todas as facultades é imprescindíbel, incluída a de medicina cos seus obxectivos idiosincrásicos que competen á calidade asistencial non xa durante a etapa de educación médica, senón á propia de formación de corpos especialistas: a troncalidade.
Así, entre a disparidade de motivos e razóns polas que é necesaria unha folga está o chamado proxecto do 3 + 2, que suporá o encarecemento progresivo das titulacións universitarias, obrigando o estudantado a cursar dous anos de máster para poder exercer a súa profesión co pretexto de achegar as titulacións do estado ao modelo europeo, reducindo de forma drástica máis se cabe os contidos dos estudos de grao. E fórzase, como acabamos de sinalar, a cursar dous anos de máster cos prezos desproporcionados que iso leva consigo. Esta situación leva a crear unha sociedade de estratos de acordo a razón económica do seu estudantado, de maneira que se construirán as bases da posterior precariedade laboral pola non posibilidade de cursar un determinado máster polo feito económico. Isto á súa vez forza no sistema a crear institucións de primeira e de segunda no contexto de libertinaxe socio-monetaria malentendida.
É tamén vox pópuli desde hai xa dous anos a notábel redución das bolsas de carácter xeral do estado, que en ningún caso garanten a viabilidade económica do alumnado para exercer o seu dereito a estudar no marco da universidade pública, e nótase como as institucións gobernamentais dan prioridade ao espazo privado co desenvolvemento de estratexias que facilitan a súa consolidación en contra da universalización e a garantía dos recursos públicos. Deste modo prímase a intervención da banca que converte a educación nun acto mercantilista.
O organigrama de recortes na universidade pública, a reestruturación orzamentaria pola débeda no contorno da USC e moitos puntos máis son indispensábeis para entender a folga na que queremos pór a voz e o empeño, pero é a TRONCALIDADE un tema especial polo que temos que loitar nós sós. Case (ou sen case) esquecido polos medios, o proxecto da troncalidade segue en marcha aínda detrás dunha sombra de incerteza baixo o título de Real Decreto 639/2014, de 25 de xullo. Pouco queda por dicir da troncalidade; un proxecto aprobado sen a participación dos responsábeis do ensino e a formación de especialistas e sen resposta cara as manifestacións que se levaron a cabo tanto polo alumnado da nosa carreira como polo persoal asociado á universidade e ás facultades de medicina do estado.
Por todo isto, animamos a participar na xornada de folga do xoves 26 de febreiro a todo o persoal da USC e ao seu estudantado, así como a calquera organismo que se solidarice coa causa. Haberá unha manifestación ese mesmo día que partirá do Parque da Alameda de Santiago de Compostela ás 11:30 horas e na que esperamos a participación sexa máxima.
Medicina dá un paso adiante! TOD@S Á #FOLGA26F!
Ningún comentario:
Publicar un comentario