Laura Fernández Saborido estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, presentouse ao exame MIR en 2014 e actualmente é R1 de Cirurxía Xeral no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Isto é o que vos ten que contar ás persoas que estades na recta final do estudo.
Don't panic é o lema do libro Guía do autostopista galáctico. Non o coñecedes? Pois xa falei del no blogue... |
Tranquilos, a estas alturas xa está todo feito, confiade no que fixestes estes meses, bla bla bla...
Cando escoitades isto dávos gana de pegarlle a todos e berrar que o levas fatal, que non teñen nin idea da pouca idea que tes, e que non che vai dar nin para hidroloxía en Cuenca (si, sorprendentemente, a pesar de que NON hai hidroloxía en Cuenca, todos lle temos un temor patolóxico a acabar alí).
Cando Jon me dixo de escribir este artigo, pensei que a miña experiencia non lle ía servir a ninguén, porque o meu caso foi raro. Pero... quizais por iso lle sirva a alguén.
Veredes, vouvos contar a miña historia: a min o MIR pilloume nunha época difícil da miña vida, a varios niveis. Desde o principio do estudo, e por circunstancias persoais, entrei nun círculo vicioso de ir mal co estudo, desmotivarme, pasar de todo, non estudar, ir peor, desmotivarme máis aínda.... algúns cadernos do MIR, sen esaxerar nada, non cheguei nin a abrilos. Non teñen nin o máis mínimo punto de rotulador, e menos aínda un post-it.
Entón unha persoa importante para min, a un mes do MIR, díxome “Obviamente non vas a recuperar todo o que non fixeches ata agora. Pero ti fai o que poidas. Calquera parágrafo que estudes vai ser un parágrafo máis que sabes. Total xa estás inscrita, vas ir ao MIR, e se podes ir con 5 parágrafos máis, pois vas”.
Entón decidín priorizar. Dunha forma brutal. Non tiña outra opción.
- Prioridade 1: simulacros. Facelos e corrixilos. Os vídeos poden parecer unha parvada, pero eu durante o MIR tiven a Macarrón na miña cabeza “si la B es correcta, pero la C es más correcta, DÉJATE DE TONTERÍAS, MARCA LA C!!”. Se non, polo menos corrixilo da outra forma, e quedar ben cos esquemas e resumos que poñen. Porque iso é o máis importante.
- Prioridade 2: estudar os 2-3 temas máis importantes das 10 materias máis importantes. Non máis. O resto case non o van preguntar. Por moito que esteades convencidos de que “este ano si” e “a min non me pillan nesta”.
Non vale a pena a estas alturas poñerse como tolos a tentar repasar todo e saber todo. Ninguén de vós vai saber todo. Pero tampouco o do voso lado.
Tendemos a pensar que o MIR “este ano vai ser diferente”, e “van preguntar algo que nunca preguntaran” e “eu voume saber esa pregunta rarísima na que ninguén pensou”. Todos os anos todos pensamos así. E todos os anos pensamos “aínda que aos demais lles saíu ben outros anos... e se este ano definitivamente si que cambian, e fodémonos?”. E nunca cambian. E no caso de que cambiasen, “fodémonos” todos. Pero non vale a pena perder tempo de estudar cousas importantes que van preguntar si ou si, en estudar cousas que non van preguntar.
Así que nestes momentos de desesperación e depresión pre-MIR... dúas ideas clave:
- Non vos angustiedes. Ás veces a angustia nubra a mente e ao final é peor saber moito angustiado, que pouco sen angustiar. E, por moito que teimedes en pensar o contrario, todos estades “igual de mal” (tamén é certo que sei perfectamente que isto volo dixeron mil veces, e aínda que eu vos diga a mil e unha, ides seguir sen crerme, e ides seguir pensando que non, que é que ti o levas realmente mal, que eu non imaxino ata que punto.... pois creme que si, que o podo imaxinar).
- Priorizar, priorizar, priorizar. Non hai que abranxer todo. Á desesperada, mellor ir ao seguro: se podedes mirar só dous temas.... pois míranse. Mellor dous do que un. Aínda que outros leven preparados vinte e tres. Que máis ten, se só van preguntar deses dous.
Así que... que non cunda o pánico, calma e con cabeciña. É normal non lembrarse de nada agora, mesturar todo... no MIR vaivos vir á cachola como por arte de maxia. Cousas que dixo alguén na clase hai 5 meses, de repente vanche dar unha neta. Seguiredes sen crerme, seguiredes a pensar que “non, a min iso non me vai pasar, eu vou quedar en branco”... Ben, eu a respecto diso xa non teño o que facer.
Só vos digo que... se eu puiden nun mes, todos vós podedes (e non pensedes que sou nin súper lista, nin que o sabía da carreira, nin cousas así... máis ben tirando ao contrario...). E só vos desexo que vos pase rápido a espera, que vos saia ben o MIR, e que despois vos lembredes de todo o que vos dixeron tantas persoas e que non criades, e digades “pois tiña razón”.
Atentamente:
Unha que foi ao MIR levándoo seguramente bastante peor que a maioría de vós, e que colleu unha especialidade das que quería.
Non para o MIR pero agardo que me sirvan estes consellos para o EIR
ResponderEliminar