E outra cousa...

«A treboada amainara definitivamente e os tronos
agora rosmaban sobre os outeiros máis afastados,
como un home que di "E outra cousa..." vinte minutos
despois de admitir que perdera a discusión.»

Fragmento do libro "So long, and thanks for all the fish"


A miña historia coa Dermatoloxía remóntase ao afastado xuño de 2013, cando me presentei por vez primeira. A miña vida era moi distinta entón... vaia, parece que pasaron séculos desde aquela. A nota desa miña primeira convocatoria sóubena xusto á semana de comezar este blogue, e dei parte dela no Día 7: Eu seguirei bailando en setembro. E chegou setembro, e con forza e ilusión fun ao exame, con vídeo motivador e todo, como pode verse no Día 65: Vou aprobar Derma!. Xa no Día 66: Jon, que tal o exame? podía entreverse o desolador futuro que se confirmou no Día 77: A historia dunha derrota. Da convocatoria fin de carreira de decembro xa preferín nin falar.

Pasou o tempo e xuño de 2014 deume novos azos. Lamentabelmente, o exame foi un masacre e suspendemos masivamente. E non só suspendemos, senón que os profesores de Derma se burlaron de nós, como pode verse n'A revisión de Derma. Despois diso puxemos unha reclamación, que foi admitida, e segundo os criterios que pediamos eu estaba aprobado. Durante varias semanas pensei que xa estaba, que me licenciara, mais O culebrón de Derma non tivo final feliz. Vendéronnos, xogaron connosco e riron na nosa cara. E suspendín merecendo aprobar.

E chegou setembro, a miña quinta convocatoria, cun exame exacerbadamente difícil. Unha represalia en toda regra, por un fato de profesores con sede de vinganza. E chegou a cualificación, un 4,8. Puxemos máis reclamacións e queixas, gastando até a última bala, mais os prazos son os que son e tiven que facer a matrícula. E tomei a decisión de pasar ao Grao e facer o TFGM e o ACOE en troca de non ter que volver facer Derma. E no Día 473: De volta ao punto de partida todo acabou. A Derma xa está recoñecida no meu expediente.

Mais a reclamación que puxemos en setembro continuaba en curso, e na sexta feira chamáronme da Secretaría do Decanato da Facultade para que fose reunirme co decano hoxe á mañá. Sen máis datos, cun secretismo innecesario. E alá fun hoxe. Que foi o que nos dixo? Pois que el elevara a nosa reclamación á Secretaría Xeral da Universidade, quen llo deu de volta dicindo que segundo a normativa iso era problema da Facultade, e cabía ao Decanato resolvelo. E o decano, seguindo a normativa, reenviou a reclamación ao profesorado de Dermatoloxía para que desen a súa resposta. A resposta foi un texto breve, con dous puntos que dicían algo tipo:
  1. Todas as preguntas foron explicadas na clase no curso 2013/2014.
  2. Os criterios aplicados foron os que lles obrigaron a tomar para a convocatoria de xuño.

E aínda que o primeiro punto é sangrantemente falso, non o podemos demostrar. E aínda que o segundo é estritamente certo, arranxárono para aprobar o mínimo posíbel de xente. E como o feito de ter en conta as prácticas na nota global non está reflectido no programa, non hai maneira de obrigarlles a facelo, aínda que fose algo que fixeron sempre até agora. E os 4,7, 4,8 ou 4,9 que só temos Derma estamos obrigados a perder máis un ano. Segundo o decano, non hai soporte legal para continuar adiante coa reclamación, co que o caso se sobresé. E por algún motivo, isto non o podía facer por escrito ou por teléfono, era preciso ir velo en persoa nunha reunión misteriosa.

E eu por que estou a escribir isto todo? Non o sei. Supoño que hoxe que todo acabou definitivamente precisaba facer un repaso a todo coa perspectiva de ter pechado este capítulo da miña vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario