Estás na rúa sen paraugas e comeza unha balloada. Pensas que vai ser só unha bátega breve e decides esperar baixo unha cornixa ata que escampe. Mais a chaparrada, lonxe de amainar, vai a máis, converténdose nunha forte treixada. Non podes ficar parado, tes que saír ou vas botar o día todo vendo como arroia. Entón, cal é o modo de mollarte o menos posíbel, andar ou correr?
Primeiro, imos colocarnos nunha situación ideal de chuvia constante sen vento. Ao camiñar, a auga basicamente móllate de dous lados, de riba (porque as gotas caen de riba) e de diante (porque ao moverte vas chocando coas gotas que tes diante). Como pode verse no vídeo, a auga que cae de riba nunha unidade de tempo é a mesma esteas quieto ou en movemento, mais se non te moves a auga que chega de diante é 0. Entón, móllaste menos se ficas parado baixo a chuvia. Obviamente, estando parado non vas chegar moi lonxe, entón descartamos esta opción. E descartemos tamén a opción de cantar e bailar na chuvia, que nunca foi unha boa idea.
Como a cantidade de auga que cae de riba é independente da velocidade á que te movas, podemos ignorala na comparación, xa que vai ser a mesma cantidade vaias andando ou correndo. Miremos entón a auga que recibes por diante ao moverte. Máis unha vez, como pode verse no vídeo, a cantidade de auga coa que chocas é a mesma independentemente da velocidade á que vaias. Para comprendelo é moi simple, só é preciso pensar nun limpaneves que vai sacando a neve da estrada. Por moi rápido que vaia, a neve coa que vai chocar é a mesma. Entón, se a cantidade de auga que nos molla por diante é igual, tamén podemos ignorala na ecuación.
Que variábel nos resta entón? O tempo. Canto máis tempo pases baixo a chuvia, máis te vas mollar. E como podes facer para chegar dun lugar a outro no menor tempo posíbel? Exacto, correndo.
A fórmula sería algo do tipo:
Entón, como a cantidade de auga que cae de riba e a que tes diante é constante, e a distancia que tes que percorrer non a podes modificar, depende do lugar ao que queiras chegar. Entón, o único que podes facer é reducir o tempo que pasas baixo a chuvia, e iso faise correndo.
Mais agora saiamos da situación ideal. Nunha treboada, nunha tromba ou nun torbón, o factor vento entra en xogo. E a chuvia pode non caer de riba, pode vir por diante, por tras ou, en días de temporal, mesmo subir de baixo para riba. Con todo, a dirección da chuvia non afecta ao dito anteriormente. Pode afectar, iso si, a cantidade de auga que cae, xa que nun momento pode chover con máis forza que no momento seguinte. Normalmente, comezará a poallar e aos poucos aumentará a intensidade até chegar o ballón. Sendo así, razón de máis para correr antes de que chegue o dioivo. E se acontece ao revés, e vai amainando mentres corres... pois tampouco consegues diminuír a molladura indo máis devagar.
Entón... Basicamente, corre.
P.S: Non esquezamos tampouco que tamén entra en xogo a superficie exposta á chuvia. Se corres cos brazos abertos mollaraste máis, mais non creo que ninguén corra cos brazos abertos... a non ser que sexa moi fan de Arale, vaia.
P.S: Non esquezamos tampouco que tamén entra en xogo a superficie exposta á chuvia. Se corres cos brazos abertos mollaraste máis, mais non creo que ninguén corra cos brazos abertos... a non ser que sexa moi fan de Arale, vaia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario