Bolsas da Fundación A.M.A. para a preparación do MIR

https://mutualistas.amaseguros.com/becas-ama.asp

A Fundación A.M.A. lanza unha convocatoria de bolsas para a axuda do estudo do MIR, a IX Convocatoria Becas Fundación A.M.A. 2014-2015 (MIR-FIR-EIR). Diñeiro gratis? Non, axudas para estudar. A bolsa consiste exclusivamente no pagamento de gastos de docencia, isto é, a academia do MIR á que vaias. E non lla dan a todo o mundo, senón que se fai un sorteo entre todas as persoas solicitantes e só se adxudicarán 50 bolsas.

Podes (e debes) ler ben o .pdf das bases, mais o importante é saber que só a podes pedir se vas estar licenciada ou graduada antes da realización do sorteo. Isto é, en febreiro de 2015 tes que ter o título. Aí está o truco, xa que a práctica totalidade da xente que vai ao #2MIR16 non se licenciará/graduará até xuño de 2015, xa fóra de prazo. E a xente que se presenta ao #2MIR15 xa terá feito o exame, co cal o gasto xa está feito e a bolsa chegará case cando xa estean a traballar. En calquera caso, a bolsa cobre os gastos de docencia do ano 2014/2015, co cal estades lexitimadas a pedila.

A solicitude realízase online, neste formulario. É gratuíto e non tes que achegar ningunha documentación (nin título nin facturas da academia) a non ser que saias gañadora no sorteo. Iso si, estás a dar os teus datos a unha empresa privada, que deixa ben claro que os datos poden ser usados para o envío de comunicacións comerciais, incluído correo electrónico e SMS. Nunha palabra, spam.

O prazo para a presentación de solicitudes é do 14 de novembro de 2014 ao 13 de febreiro de 2015, o sorteo será o 17 de febreiro de 2015 e, se es unha das persoas agraciadas, o prazo para reclamala é do 19 de febreiro ao 10 de marzo de 2015.

Entón, estás a preparar o MIR e vas ter o título antes de febreiro de 2015? Pois pide a bolsa, que por tentar...

Ningún comentario:

Publicar un comentario