Doraemon ten un peto máxico, é o gato do espazo que chegou aquí. Vaia, non chegou do espazo, senón do futuro, mais a canción é así. A min non me digades nada. O caso é que Doraemon é un dos personaxes máis coñecidos ao redor do mundo, desde que en 1969 fixo a súa primeira aparición en formato manga en varias revistas xaponesas. Hoxe, 45 anos despois, conta con millares de tomos do manga, 3 series de anime e case 30 filmes, todo traducido a centos de linguas de todo o planeta.
Mais o tema é... cal é o final de Doraemon? Como acaba a historia? Pois évos ben sinxelo, Doraemon non ten final. Non acaba de xeito ningún. O creador original, Fujiko F. Fujio, morreu en 1996 sen darlle un fin á historia, e desde entón novos guionistas e autores continúan a narrar as aventuras de Nobita e Doremon sen intención de que acabe nunca. Doraemon é unha serie sen final, unha escusa para contar historias de amizade, solidariedade e compañeirismo (e un chisco de bullying, para ser sinceros). Unha serie que continuará en canto haxa alguén disposto a inventar novas aventuras para o gato cósmico.
Entón, quixera pedirvos un favor. Cando alguén vos veña contando que o final de Doraemon é que Nobita está no hospital e todo foi un soño, dádelle unha labazada ben forte coa man aberta da miña parte. Ninguén sería tan estúpido de pór ese final a unha serie... vaia, alguén foi, mais definitivamente non o creador de Doraemon. Iso é apenas unha lenda urbana, como a que di que o final de Oliver e Benji é que todo é un soño de Oliver, que está no hospital coas pernas amputadas, ou a que di unha cousa parecida de Pokémon. Parvadas que non tendes que crer.
Porén (sempre hai un porén) en 2005 un fan deseñou un manga co título O último episodio de Doraemon. E a pesar de non ser oficial, foi admitido amplamente como o final lexítimo da serie. Se queredes lelo, tendes as páxinas traducidas para o inglés a seguir. Só tendes que premer en cada imaxe para ver a páxina correspondente en grande. Adiante, lédeo con calma, eu espero por vós.
Xa o lestes? E que vos pareceu? O interesante desta historia é que en 16 páxinas é capaz de fechar todos os fíos argumentais da serie. Nobita deixa de ser un preguiceiro perdedor para ser alguén intelixente e respectábel sen a axuda de Doraemon e os seus trebellos, e é capaz de namorar a Shizuka. Finalmente, dá un moral á historia: o futuro non está escrito e podemos lograr o que queremos con dedicación e traballo duro.
Mais lembremos que este final non é oficial. Doraemon non ten final, recoiro!
Gustoume a entrada, parabéns. Hai outro "final" de Doraemon, abertamente apócrifo e paródico. Falo de dúas pranchas debuxadas por David Ramírez co micho cósmico en plan crepuscular, ata o nabo de Nobita ("Doraemon, arráscame los huevos!"). Apareceu no volume "Humor amarillo", hoxe descatalogado, supoño. Podes lelas aquí:
ResponderEliminarhttp://i222.photobucket.com/albums/dd91/anticiudadano/doraemon1.jpg
http://i222.photobucket.com/albums/dd91/anticiudadano/doraemon2.jpg
Moi bo! Lémbrame un pouco a outro final apócrifo de Doraemon, un chisco máis bruto, chamado "Doraemon e a pistola solucionadora de problemas":
Eliminarhttp://s136.photobucket.com/user/zcully/media/18206235_f460a56f29_o.gif.html