Ébola en Galiza: Protocolo e deficiencias observadas


Este artigo é unha colaboración dunha persoa que traballa de médico residente na Área de Xestión de Pontevedra e do Salnés. Non vou dar máis datos porque quere permanecer no anonimato. Escribiu este artigo falando sobre o ébola e como se está a xestionar o tema, todo dun punto de vista obxectivo.



Surto de ébola: Protocolos e deficiencias observadas

Definición do posible caso: Será un paciente con febre (≥38 ºC) acompañada de cefalea intensa, vómitos, diarrea, dor abdominal, manifestacións hemorráxicas non explicables por outras causas ou fallo multiorgánico. Deberá ter ademais un antecedente de posible exposición nas tres semanas previas ao inicio destes síntomas: estancia nunha área afectada ou contacto cun caso (posible ou confirmado) ou cos seus fluídos. As áreas afectadas son Guiné, Liberia, Serra Leoa e Nixeria.

Que debemos facer ante a sospeita? Colocaráselle unha máscara cirúrxica (se a tolera) e deberase illar nun cuarto. Deberase evitar o contacto cos seus fluídos e que entre en contacto con outro persoal. Se os acompañantes deben quedar co paciente deberán utilizar os Equipamentos de protección individual (EPI) e deben evitar tocar o paciente. Calquera persoa con posible exposición á transmisión (traballadores sanitarios ou acompañantes) deberán lavar abundantemente a superficie exposta con auga e xabón, e no caso de mucosas con abundante auga. Deberán tamén sacar a roupa de traballo, colocala nunha dobre bolsa e pechala con fita adhesiva, que deberá ser destruida no caso de se confirmar.

Fágovos un resumo de cales son os protocolos actualizados da nosa área:
  1. Zonas de illamento de pacientes e de acompañantes:
    a. Servizos de Urxencias dos Hospitais de Montecelo, Provincial e do Salnés: En cada un deles está establecida a sala en que deben permanecer, quedando separados pacientes e acompañantes só no caso do Hospital de Montecelo.
    b. PAC: Os pacientes deben permanecer na consulta na cal son atendidos e a actividade asistencial pode continuar noutra sala ou ser desviada a outro centro.
  2. Comunicación dos casos: Farase ao dispositivo de Saúde Pública (segundo o Protocolo do SERGAS) e a través dunha comunicación interna aos responsables do centro, que serán os encargados de avisar ao 061 para o traslado do paciente ao Hospital Meixoeiro de Vigo (centro de referencia para o ébola en Galiza).
  3. Equipamentos de protección individual (EPI): están distribuidos os distintos kits no servizos de Urxencias hospitalarios, PAC e Centro de Saúde.
  4. Roupa, limpeza e residuos: O persoal de limpeza deberá utilizar os EPI e seguir con rigor as técnicas estándar de limpeza.
No caso dos centro de saúde o paciente deberá permanecer na mesma sala en que fose entrevistado, que se pechará e quedará inutilizada ata a súa correcta desinfección. Despois disto, deberase comunicar ao 061, que o trasladará ao Hospital Meixoeiro nun prazo máximo de 2 horas e que dará as correspondentes ordes. Tamén se procederá a dar un aviso interno que rematará nos hospitais.

Por último, procederase a informar ao paciente da situación e elaborarase unha listaxe de todas as persoas que, estando no centro sanitario, tiveron contacto directo ou a menos dun metro do paciente, fosen ou non persoal sanitario.

Xa no Hospital Meixoeiro, será o propio persoal do 061 quen leve o paciente ao cuarto de illamento e o persoal do hospital colaborará na retirada dos EPI do persoal da ambulancia. A atención do paciente realizarase apenas co persoal estritamente necesario.

Se alguén de vós quere ler máis polo miudo os protocolos actualizados, están dispoñibles na web do SERGAS, nesta ligazón.

Cales son os problemas observados ata o de agora?
  1. Os protocolos non están estandarizados. Mentres que o noso establece un punto de corte para a temperatura de 38 ºC, noutros lugares, como é o caso da Comunidade de Madrid ou de Cataluña, é de 38,6 ºC.
  2. EPI: Como moi ben foi informado neste mesmo blogue, os equipamentos de protección non son axeitados para atender posibles casos de Ébola, xa que non cobren axeitadamente toda a superficie corporal nin son debidamente impermeables.
  3. Falta de información a certos profesionais sanitarios: Algúns de nós temos observado que certos profesionais quedan esquecidos nas cadeas de correos electrónicos ou nas reunións celebradas a título informativo ou organizativo. Un exemplo serían os celadores ou o persoal administrativo, que poderían ser o primeiro contacto cun posible caso nos centros de saúde ou nos hospitais. Nalgún centro de saúde carecen de instrucións, cos riscos que iso supón, xa que no caso de estar debidamente protocolizado poden evitarse posibles contactos.
  4. Nalgún casos non está establecido que persoal sanitario debería atender un paciente con sospeita de ébola. Debería ser persoal debidamente treinado, que saiba colocar e quitar os EPI axeitadamente para evitar maiores riscos.
Mencionando isto non pretendo crear alarma ou preocupacións innecesarias, senón pór no voso coñecemento cal é a situación actual e o pouco preparados que estamos ante este tipo de situacións. Tanto o persoal sanitario como o que non o é debemos ser conscientes de que ante patoloxías desta relevancia non se debe dar puntada sen fío. No caso de deixarmos detalles ao azar podemos enfrontar unhas consecuencias indesexables e potencialmente mortais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario