Xa sabedes que me pasei ao grao e teño que facer o Traballo de Fin de Grao/Máster (TFGM) para que me dean o título. Pois ben, ese traballo ten que ser feito baixo a supervisión dun titor, polo que o primeiro paso é encontrar alguén disposto. E non é tan sinxelo como parece...
Vouvos contar desde o comezo. Cando me pasei ao grao, o meu camarada Alberto fíxoo comigo, xa que estaba nunha situación semellante á miña. E como o TFGM se pode facer entre varias persoas, a pesar de que a súa presentación é individual, decidimos asociarnos. Máis ou menos tiñamos escollido un tema, e pensamos nun certo médico para ser o noso titor, xa que nos pareceu a mellor opción. E así foi que buscamos na base de datos da USC o seu email e mandámoslle un correo.
Despois de esperar uns días de cortesía, vimos que non respondía. Pensamos que se cadra non usa ese correo, polo que procuramos un pouco e encontramos o seu email do Sergas. E mandámoslle aí o correo. E esperamos uns días de cortesía. E non respondeu ninguén. Entón decidimos probar por teléfono, conseguimos o número do seu servizo, da súa consulta, e chamamos. E comunicaba. E chamamos outro día, e non atendía ninguén. Total, que a semana pasada decidín ir por alí, para ver se é que estaba a pasar de nós ou é que realmente o problema era a falta de comunicación. E non estaba. Entón, deixei o recado á secretaria do servizo do hospital, co meu nome, teléfono, email e motivo. E esperamos que se comunicase connosco. E non o fixo.
Á vista disto, hoxe fun por alí de novo. Preguntei á secretaria e indicoume a consulta en que estaba. E alí me chantei na porta, á espera de que saíse o paciente que estaba a atender e poder falar con el sen que me escapase. E esperei. E esperei. Alí, diante, de pé, apoiado contra unha columna. Case dúas horas, até que por fin se abriu a porta e interceptei o médico, que pretendía saír. Nese momento, decidido, expliqueille de maneira concisísima o motivo de eu estar alí e pregunteille se querería ser o noso titor. E fíxose o silencio. O médico, coa mirada perdida e cara de confusión, permaneceu calado durante uns bos 10 segundos. Cando por fin falou, dixo Sí, por supuesto.
Ou sexa, que por fin temos titor para o TFGM, e para a semana temos a primeira reunión para comezar a preparar todo. Xa vos irei contando.
O blogue que nunca fixen
Haberá unha semana, o meu amigo Pablo díxome que vira no taboleiro da USC un anuncio que me podía interesar. O anuncio era o seguinte:
Pareceume unha boa oportunidade, de modo que me puxen en contacto. Resultou ser unha rapariga que quería facer un blogue de moda no Blogger. Como xustamente As MIR e unha noites está feito nese servizo, pareceume perfecto. Faleille entón da miña experiencia facendo blogues, do meu pasado como bolseiro de Informática, e chegamos a un acordo económico. Deste xeito, combinamos para a semana seguinte, o día 28 ás 16h30.
Nesa semana eu xa fora mirando os blogues que me deu como referencia, facéndome unha idea de como facer. Tamén fixen por librar esa tarde, pospondo ou antepondo compromisos. E tamén dei por feito o diñeiro que ía gañar, xa que estou un pouco afogado cos gastos e eses cartiños solucionábanme moito. Chegamos así ao día 28, hoxe, ás 15h30. Estaba xa a preparar as cousas para saír da casa (vivo lonxe do centro e dependo dos buses), cando me veu a dúbida de se ía levar ela o seu portátil ou daría por feito que o ía levar eu. E mandeille un Whatsapp para preguntar. Nese momento, respondeume que unha compañeira lle ofrecera axudarlle, e que ao final non lle facía falta, que nada.
Díxomo unha hora antes da hora acordada, cando xa tiña todo preparado, e só porque me deu por falarlle. Se non chego a dicir nada, xa podía botar alí a esperar toda a tarde a que viñese. Manda carallo, como é a xente.
Actualización: Pois resulta que a tipa que quería que lle fixese o blogue era unha caradura. Houbo outra persoa coa que tamén se comprometera, pero pagándolle 10€ máis que a min. E no último momento pretendeu que esa outra persoa llo fixese gratis ou nada. E todo isto con exixencias e sen ser nada simpática. Ou sexa, a tipa é unha estafadora con todas as letras. En fin, o que hai que ver...
Ningún comentario:
Publicar un comentario