A miña vida é como o parchís. Cando parece que me vou achegando á meta, cómenme e teño que regresar á saída. Quen me comeu, como ben sabedes, foi a Derma. E a saída, neste caso, é comezar a academia de novo. Por terceira vez. Son o Froilán do MIR.
E así foi, o dia 10 asistín á presentación. Outra vez. Escoitei os mesmos chistes, as mesmas anécdotas, os mesmos consellos, alentos e ilusións. Outra vez. E case non me dan o material novo, mais afortunadamente entraron en razón e déronmo. Outra vez. E tiven a aula de Oftalmoloxía. Outra vez. E escoitei a historia da causticación ocular por seme. Outra vez. E escoitei a historia da muller que co busto tan prominente que lle impedía someterse á cirurxía láser ocular. Outra vez. O eterno retorno do que falou Nietzsche nunca me parecera tan amargo.
A miña idea era falarvos a semana pasada de como me sentín, mais meteuse todo o tema do ébola polo medio e... e tampouco me prestaba facer outra entrada excesivamente melancólica. Eu non son así. Por iso preferín esperar até hoxe, que tiven a segunda aula na academia (Otorrinolaringoloxía), para contarvos.
Mais ei, non todo son malas novas. Sabedes que pasei ao grao, o que significa que vou ter que facer un traballo de Fin de Grao/Máster (TFGM) e a Avaliación de Competencias Obxectiva Estruturada (ACOE). Unha traballeira, seino, mais a parte boa é a seguinte:
Nunca pensei que a palabra Recoñecida me puidese causar tanta emoción. Adeus Derma! Un saúdo para os scybala!
Ningún comentario:
Publicar un comentario