Cartaz do CEEM contra a troncalidade no MIR |
Até o momento, para a formación de especialistas en Medicina temos o sistema MIR. Neste sistema, as persoas licenciadas en Medicina poden presentarse a un exame, e en función da nota dese exame, ponderada coa media da licenciatura, obteñen un número de orde para escoller especialidade. Entón, por esa orde, as persoas van escollendo entre todas as prazas ofrecidas en todo o territorio do Estado (dunha determinada especialidade nun determinado hospital). Comeza entón un período chamado residencia, que dura 4 ou 5 anos dependendo da especialidade, ao final do cal a persoa recibe o título de especialista. Porén, por algún motivo, a clase política decidiu que o sistema necesitaba modificarse, e sacou da manga a denominada troncalidade.
Comecemos polo principio desta lea, o ano 2003. Naquel momento o Goberno de España estaba nas mans do PP, con José María Aznar como presidente e Ana Pastor á fronte do Ministerio de Sanidade. Foi entón cando se aprobou a Lei de ordenación das profesións sanitarias (LOPS), que estabelece: “As especialidades en ciencias da saúde agruparanse, cando iso proceda, atendendo a criterios de troncalidade. As especialidades do mesmo tronco terán un período de formación común dunha duración mínima de dous anos”.
No ano 2004, as eleccións xerais españolas dan a vitoria ao PSOE, e fórmase un novo goberno presidido por José Luis Rodríguez Zapatero, quen nomea Elena Salgado como nova ministra de Sanidade. O tema parece que se paraliza un pouco, mais no ano 2006 a ministra encarga ao Consejo Nacional de Especialidades en Ciencias de la Salud (Cnecs) un informe sobre a troncalidade, con vista á súa aplicación.
En 30 de xuño de 2008, cando o posto de ministro de sanidade é ocupado polo socialista Bernat Soria, o Cnes presenta o informe sobre a troncalidade á Comisión Técnica Delegada de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde (SNS). Inclúe unha proposta inicial acerca de como distribuír as especialidades con competencias comúns nos diferentes troncos. Xa en outubro, fórmase o Grupo de Traballo de Troncalidade con representantes das comunidades autónomas e dos ministerios de Sanidade, Defensa e Educación.
Entre setembro de 2009 e febreiro de 2010 son presentados varios informes do Grupo de Traballo de Troncalidade. Nesta proposta, o estudantado que aprobase o exame MIR tería que escoller un dos troncos, os cales terían unha duración de dous anos. Acabado este período, seríalles realizada unha proba final, e o seu resultado sería determinante para optar a unha especialidade nunha unidade vinculada á unidade docente troncal onde se formou nestes dous anos. Ficarían fóra dos troncos as especialidades de Anatomía Patolóxica, Psiquiatría, Oftalmoloxía e Pediatría.
Para aclarar, tu fas o exame MIR e entras no tronco de cirurxía na Coruña, por exemplo. Estás dous anos a facer o tronco, e unha vez acabas tes que facer outro exame para escoller especialidade, mais só podes escoller unha especialidade do tronco de cirurxía entre as prazas que existen na Coruña. Ou sexa, se hai 5 persoas facendo ese tronco, e casualidade as 5 queren facer cirurxía xeral, mais na Coruña só hai 3 prazas de cirurxía xeral e 2 de cirurxía vascular, haberá dúas persoas que terán que ser cirurxiás vasculares por collóns, aínda que a detesten.
Neste informe tamén se estabelecen os períodos para a implantación da troncalidade, onde a primeira convocatoria afectada sería o a convocada en setembro de 2011 e realizada en febreiro de 2012, para que así os primeiros residentes con tronco fosen os que se incorporasen en maio de 2012.
Aínda co goberno de Zapatero, a ministra de Sanidade volve mudar, sendo agora Trinidad Jiménez. En febreiro de 2010, 13 especialidades móstranse contrarias á troncalidade e piden que non sexa obrigatoria. Estas especialidades son Obstetricia e Xinecoloxía, Radiodiagnóstico, Neuroloxía, Medicina Preventiva, Dermatoloxía, Otorrinolaringoloxía, Neurofisioloxía, Clínica e Medicina Física e Rehabilitación, alén de Anatomía Patolóxica, Psiquiatría, Oftalmoloxía e Pediatría, que xa ficaran fóra dos troncos. Pouco despois reúnese o pleno da Comisión de Recursos Humanos do SNS e decide facer caso en parte, sacando dos troncos tamén Xinecoloxía, Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía. En maio de 2010, o Consejo Estatal de Estudiantes de Medicina (CEEM) consegue facer presión para que se elimine o exame despois do tronco e que a especialidade sexa escollida logo despois da proba MIR, e non despois do tronco como se pretendía.
Con esta modificación que conseguiu o CEEM, tu fas o exame MIR e escolles xa a especialidade que vas acabar facendo, só que antes de comezar a formarte na dita especialidade tes que facer os 2 anos de tronco común. Evita así o principal problema da primeira proposta.
Máis unha vez, o Ministerio de Sanidade muda de mans, ocupando agora o posto Leire Pajín. En febreiro de 2011 resulta que o borrador do proxecto que foi enviado ás comunidades autónomas para a súa revisión inclúe a Xinecoloxía, Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía dentro dos troncos, cando se acordara que estas especialidades ficarían fóra. En abril de 2011 o goberno anuncia que haberá outro real decreto, á marxe da troncalidade, que desenvolverá as novas especialidades de Infecciosas, Xenética, Psiquiatría Infanto-Xuvenil e Urxencias e Emerxencias, ao tempo que afianza as especialidades de Medicina do Deporte e Medicina Legal e Forense e extingue as de Hidroloxía Médica e Farmacia Industrial e Galénica. En xuño dese ano, por presións da Comisión Nacional de Medicina de Familia, recúan e anuncias que Urxencias será apenas unha “especialidade secundaria”.
En xullo de 2011 aparecen novos borradores destes dous decretos. No de troncalidade, finalmente, retíranse Xinecoloxía, Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía dos troncos. Ábrese entón en agosto un período de audiencia pública e envío de alegacións por parte de todos os axentes sanitarios. En novembro de 2011 o proxecto queda listo coas alegacións incorporadas, restando só a súa aprobación.
Unhas novas eleccións xerais dan o poder ao PP, e entra un novo goberno presidido por Mariano Rajoy, con Ana Mato á cabeza do Ministerio de Sanidade. A secretaria xeral de Sanidade, Pilar Farjas, anuncia que: "Se empezará desde cero, abriendo un nuevo período de consultas con los profesionales". En abril de 2012 un real decreto modifica aspectos da LOPS, sobre todo no referente ás áreas de capacitación específica (ACE), para as cales serán necesarios dous anos de exercicio profesional (e non 5 como era previsto). Conforme avanza o ano, anúnciase que Urxencias e Enfermidades Infecciosas serán áreas de capacitación (e non especialidades), e que será engadido un novo tronco, o de Psiquiatría, que incluirá a modalidade de adultos e a infanto-xuvenil. En outubro este novo proxecto de troncalidade para a consulta pública. Deste modo, en decembro chégase a un borrador de Real Decreto de troncalidade e creación de títulos de especialista, unificando os dous proxectos nun só.
Unha área de capacitación específica (ACE) vén sendo unha subespecialidade á que só se pode acceder unha vez acabas a túa especialización e exerces un número determinado de anos como tal. Por exemplo, segundo este proxecto, poderá subespecializarse en Urxencias e Emerxencias calquera médico de familia, intensivista ou internista que exercese durante dous anos (sen contar os anos de residente, claro).
Chegamos entón a 2013. Nos primeiros meses vanse recollendo e incorporando diversas alegacións ao proxecto. En xuño, nunha das emendas á Lei de garantías e uso racional do medicamento, pídese unha modificación á LOPS que flexibilice o período troncal. Deste modo, o período de formación troncal pode aumentar ou diminuir un máximo de 6 meses (isto é, poderá durar un mínimo de 1 ano e medio, e un máximo de 2 anos e medio). En xullo faise un novo borrador con todas as modificacións, e a Comisión de Recursos Humanos do SNS dá o seu visto e prace.
En xaneiro de 2014, o Consello de Estado emite o seu ditame cunhas indicacións que, en palabras do Ministerio de Sanidade, non suporán grandes alteracións ao proxecto. En febreiro, o CEEM comeza a facer campaña opóndose a este proxecto de troncalidade, mentres que as sociedades de Uxencias e Emerxencias (Semes) e Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (Seimc) barallan a posibilidade de impugnar o Real Decreto unha vez publicado. En abril o CEEM organiza varias manifestacións que xuntan por volta de 8.000 estudantes (podes ler aquí como foi a de Compostela). En xuño, a Comisión de Recursos Humanos do SNS aproba as indicacións do Consello de Estado e devolve o texto para ser aprobado de urxencia. En xullo, sete sociedades científicas, o CEEM e seis asociacións de doentes asinan un manifesto contra a troncalidade. Nese mesmo mes, o texto definitivo é enviado ao Consello de Ministros, que aproba finalmente o Real Decreto e é publicado no BOE en 6 de agosto de 2014. Podes consultar aquí o texto definitivo.
Proximamente farei outro artigo esmiuzando o Real Decreto (o artigo xa está dispoñíbel, podes lelo nesta ligazón). Non obstante, está claro que non vai afectar á próxima convocatoria do MIR e que non terá efecto ningún nos residentes que xa teñan a súa praza no momento da súa implantación. O problema vén para os que comezan 6º de Medicina agora en setembro...
Ningún comentario:
Publicar un comentario