Esta é unha das preguntas ás que nos tivemos que enfrontar onte, no simulacro número 12 de AMIR. Quero que a leades atentamente e que visualicedes a historia que está a contar. Non, de verdade, facédeo. Vamos, eu espero aquí por vós. Está? Non, xa sei que non, mais tanto ten, explícovos eu que é o que está a contar.
A historia comeza dicindo “Acude a Urgencias una madre muy angustiada porque refiere que estaba la niña de 14 meses estaba jugando en el parque”. Observade que realmente son dúas frases, só que a persoa que redactou a pregunta esqueceu o signo de puntuación. Deste modo, a primeira frase sería “Acude a Urgencias una madre muy angustiada porque refiere que estaba la niña de 14 meses. Estaba jugando en el parque”. Isto é, unha muller acode ás urxencias angustiada porque, cando estaba no parque, viu unha nena. Como sería moi raro que unha nai se angustiase por ver a súa filla, está claro que ese “madre” refírese a que é unha relixiosa dalgunha orde cristiá. Unha monxa con fobia ás nenas.
A seguir, o caso di “y cuando se iba a tragar una cosa que esta en el suelo, usted la grita”. Reparade na palabra “esta”, pronome demostrativo, que non é “está”, verbo. Asumo que o pronome é referido á monxa, por tanto, “esta en el suelo” quere dicir que a monxa está no chan. Mentres está no chan, vai tragar algunha cousa que non nos contan, e nese momento “usted”, que na historia é o médico, grita. Nun primeiro momento poderiamos divagar e pensar que o motivo polo cal a monxa está no chan é porque está a practicar unha felación ao médico, e que o grito se debe ao orgasmo. Non obstante, o voto de castidade das monxas fai pouco probábel esta opción, polo que non vou arriscar. Digamos simplemente que a monxa vai tragar algo que non debe e de aí o grito.
“y la niña se pone a llorar”. A nena do parque parece que perseguiu a monxa durante todo o tempo, por pura maldade, xa que desfruta vendo sufrir a pobre muller. Mais o grito fai que se asuste e comece a chorar. Podería ser que chorase polo trauma que suporía ver unha monxa practicando sexo oral a un médico, mais xa descartei esa opción, non insistades máis nela.
“pero inmediatamente deixa de respirar, se pone cianótica con la mirada fija, con boca entreabierta...”. Aquí non especifica, mais eu entendo que está a falar da monxa. A cousa que tragou “foille polo outro lado” e atragoouse, co que perdeu a respiración uns segundos. Parade xa coa brincadeira, sei que estades a pensar “xa, claro, foi o seme!”. Sodes un fato de pervertidos, sabiades? Pois ala, vós gañades, queda así a historia.
Entón, recapitulamos. A pregunta cóntanos o caso dunha monxa con fobia ás nenas que se topou cunha nena nun parque. Angustiada por este feito, vaillo contar ao médico co que mantén un tórrido e secreto romance, e a visita acaba en sexo oral. Por desgraza, a nena do parque seguira á monxa até o hospital, e presencia o momento en que o médico exacula e grita de pracer. Como non entende o que está a ver, ponse a chorar. A situación sorprende á monxa, que aínda ten o seme na boca, e atragóase, perdendo a consciencia. Por sorte, recupérase, aínda que probabelmente se descubrise o seu romance, resultando na expulsión da monxa da súa orde relixiosa. O médico recibiría tamén un expediente disciplinario por manter relacións sexuais cunha paciente, no hospital, en horas de traballo. A nena probabelmente non entendese o acontecido, xa que só ten 14 meses, e acabase por ignorar todo e ir le libros d'Os Bolechas á planta de Pediatría do hospital.
Por último, a cuestión é “¿Cuál es su sospecha diagnóstica?”. Pois veredes, a miña sospeita diagnóstica é que a persoa que redactou a pregunta debería reler o que escribe, que perdín 5 minutos a tentar desencriptar o que pon.
P.S: A resposta correcta, falando serio, é “3. Espasmos del sollozo” (breath-holding spells). E si, acerteina. :)
Ningún comentario:
Publicar un comentario