Por que as cousas saben diferente despois de lavar os dentes?


A lingua ten por volta de 100.000 papilas gustativas divididas en cinco tipos, que corresponden aos cinco sabores básicos que podemos percibir: amargo, ácido, salgado, doce e umami. Pola súa parte, a pasta de dentes ten catro compoñentes principais: auga, abrasivos para combater a placa bacteriana, flúor para previr as caries e deterxente... para facer espuma.

O deterxente máis usado nas pastas de dentes é o lauril sulfato de sodio (SLS nas súas siglas en inglés). Este compoñente ten a capacidade de bloquear os receptores do sabor doce e destruír os fosfolípidos que normalmente inhiben os receptores do sabor amargo. Deste modo, o sabor doce é atenuado e o amargo é potenciado. Á parte, as pastas actuais levan aditivos, para dar ese sabor refrescante a menta, que alteran máis aínda o sentido do gosto.

Aínda así, non tes que te preocupar con todo isto. Os efectos son temporais e desaparecen no intervalo de 30 minutos a 1 hora despois do lavado. E, de todos os modos, comer logo despois de lavar os dentes non é a mellor idea se queres coidar a túa hixiene bucal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario