Foto de portada da web da facultade de Medicina da USC, onde figuran os programas das materias. |
É o ano lectivo 2013/2014. O estudantado do sexto ano da Licenciatura de Medicina enfróntase ás últimas materias. Entre elas, Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía. A temida Derma. Trátase dunha materia do 2º cuadrimestre de 10 créditos, que se reparten entre clases teóricas, unha semana de seminarios prácticos, unha semana de prácticas no servizo de Dermatoloxía do Hospital Gil Casares, e un exame en xuño. Os criterios dese exame, a pesar do que pon na web, non estiveron ben claros até o momento de realizalo, xa que tivemos moitas informacións contraditorias. O único que sabiamos con certeza é que por vez primeira sería tipo test.
Pola súa banda, o estudantado de quinto ano do Grao en Medicina (é dicir, os que teñen o novo plano de estudos, coloquialmente coñecido como plano Boloña) enfrontábanse a Dermatoloxía. Basicamente, a mesma materia e os mesmos profesores que na nosa Derma. Os seus criterios de exame si que estiveron claros. Un exame tipo test de 60 preguntas, onde as preguntas mal respondidas non restaban e consistía en ter ben respondida a metade das preguntas, isto é, 30. Como resultado, unha esmagadora maioría dos estudantes de Grao aprobou.
Chegou entón o noso momento, o 12 de xuño. O exame de Derma decorreu no Salón de Actos do aulario do Hospital Clínico, nun día especialmente caloroso. Imaxinade só a calor que se pode acumular nun local fechado ateigado de persoas nerviosas e suorentas. Nesas condicións realizamos o exame, e fomos informados dos criterios con que seriamos avaliados. Cada pregunta mal respondida resta 0,3 e é preciso chegar ao 62,5% (50 preguntas netas de 80) para aprobar. Chegados a este punto, quero salientar que é o que di o programa oficial da materia que se pode consultar na web da USC (copio textualmente, as grallas e castelanismos son deles):
Sistema de evaluación
A avaliación da aprendizaxe realizarase mediante un exame tipo test que constará de dúas partes: unha parte teórica e outra práctica.
O exame teórico consistirá en 40-60 preguntas curtas.
No exame práctico avaliarase o enfoque diagnóstico, terapéutico, complicacións posibles e seguimento de casos clínicos que serán visualizados no momento do exame. Para iso facilitarase un resumo dos principais datos da anamnese, exploración e probas complementarias pertinentes.
Os estudantes que obteñan un 5 en cada unha das partes superarán a materia.
Os exames realizáranse nas convocatorias de xuño (febreiro) e setembro.
As notas chegaron o 18 de xuño. O resultado foi que houbo 147 suspensos e 161 aprobados. Isto é, suspendeu o 47,7% das persoas presentadas. A nota máis alta foi apenas un 8,6, cando en todos os outros exames sempre hai varios estudantes que tiran sobresalientes e matrículas. Á vista disto, unha enorme cantidade de xente quixo ir á revisión, que tivo lugar nos días 19 e 20 de xuño. Sobre a revisión xa fixen unha publicación neste mesmo blogue, polo que non me vou repetir. Digamos simplemente que non nos fixeron caso, como se pode ver nas declaracións dunha das profesoras que se publicaron no blogue de sexto de Medicina.
Comeza entón un debate entre o estudantado, onde falamos das diversas conversas que tivemos co profesorado de Derma e das accións que poderiamos tomar. Deste xeito, vaise xestando unha reclamación que é asinada por unha grande cantidade de estudantes, tanto aprobados como suspensos. Esta reclamación envíase ao decanato no día 25 de xuño. Nesa reclamación pedimos, basicamente, sermos avaliados cos mesmos criterios que os nosos compañeiros de Grao e ter un novo período de revisión do exame, para compensar as eivas da primeira revisión. Isto é, que os erros non resten e que o aprobado estea na metade das preguntas, 40 de 80. Con estes novos criterios, habería 96 estudantes suspensos que pasarían a estar aprobados.
O 27 de xuño o profesorado de Derma decide anular 3 preguntas dun caso clínico do exame e coller no seu lugar as 3 de reserva. Non se anulan moitas outras preguntas mal formuladas ou enganosas das que nos queixaramos a título individual na revisión. Algunha xente sobe algunha décima na nota, mais o número de aprobados e suspensos non varía.
Chega entón o 30 de xuño, día en que o decano informou o profesorado de Derma da nosa reclamación. Non temos noticia até o día 4 de xullo, día en que se pechan as actas na USC (ou sexa, en que as notas teñen que ser definitivas). Nese día o estudante que nos representa foi falar co decano. O que lle contou foi que o profesorado de Derma aínda non dera unha resposta, e que o proceso podería demorarse até 15 días. Tamén dixo que de ningún xeito lles foi notificada aos profesores a identidade dos asinantes da reclamación, e o peche das actas non é problema, pois poderán abrirse de novo excepcionalmente.
O día 9 de xullo insistimos ao decano, xa que pasa o tempo e non temos informacións novas. Entón o noso representante infórmanos de que o decano confirmou que a reclamación fora totalmente aceptada e que as novas notas chegarían en cuestión de días. Todo parecía indicar que gañaramos nós.
A modificación das notas vai adiante e o día 15 de xullo chegan ao decanato para seren publicadas. Temos acceso a elas o día 18 de xullo. Para a nosa sorpresa, as notas non cadran cos criterios que pediamos na nosa reclamación. Os profesores limitáranse a eliminar a penalización polas preguntas mal respondidas, mais deixaron o aprobado en 50 de 80, e non en 40 como se acordara. Con esta modificación, só 15 persoas pasaron do suspenso ao aprobado.
Pensamos que se trata dalgún tipo de erro, o 21 de xullo (metéusenos unha fin de semana polo medio) o noso representante foi falar de novo co decano. Para a nosa sorpresa, foi unha decisión tomada á mantenta e os profesores non recúan. Ante isto, o decano resolve convocar unha Comisión de Avaliación para reavaliar os exames conforme a nosa reclamación. A dita comisión fórmase no 22 de xullo e reúnese no día seguinte.
O día 23 de xullo, ás 13h00, reúnese a comisión, formada polo decano, unha profesora de Farmacoloxía, dous profesores de prácticas de Dermatoloxía e un estudante con voz mais sen voto. Por voz dos profesores de prácticas, os noso profesores de Derma piden coñecer a identidade de todos os estudantes que asinaron a reclamación, cousa á que obviamente se negou o decano. Ao acabar a reunión, o noso representante infórmanos de que, polo voto unánime dos membros da comisión, as notas quedan como están, que non van atender á nosa reclamación, e que simplemente haberá unha nova revisión dos exames para quen queira velos. Os mesmos criterios aplicados neste exame (62,5% sen restar) serán mantidos na convocatoria de setembro. O estudante pide que haxa constancia da súa desconformidade co decidido no documento da resolución, mais como non ten voto dinlle que no ha lugar. A dita resolución, din, será publicada coa maior brevidade posíbel.
E chegamos ao día de hoxe, 27 de xullo. Non hai aínda novas sobre os días en que será a nova revisión do exame e en 4 días (31 de xullo) acaba o prazo para pedir a convocatoria extraordinaria do exame para aqueles que esgotaron a convocatoria de decembro.
E agora, pregúntome... é lícito xogar connosco deste xeito? A día 9 de xullo o decano conta ao noso representante que se aceptara a reclamación, e 96 persoas, entre as cales estou eu, contamos con estar aprobados e organizamos a vida en consecuencia. E 15 días despois, 23 de xullo, resulta que se unha comisión (na cal está o decano) decide por unanimidade que non é así, que non se van cumprir os criterios que pedimos e que estamos suspensos de novo. Total, que o carallo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario