Como xa sabedes, hai pouco foi a elección de praza para as persoas que se presentaron ao MIR 2014 (podedes ler a experiencia da miña amiga Lucía ao escoller praza neste mesmo blogue). O caso é que vin que en multitude de webs facían táboas e gráficas esmiuzando todos os datos de postos e especialidades, mais en ningún deles dei encontrado de forma clara datos referidos especificamente a Galiza. Deste xeito, decidín facer aquí un pequeno resumo de como foi a adxudicación de prazas MIR no noso país. Non é algo excesivamente elaborado, só un esbozo a grandes trazos.
Os datos foron tirados todos do sitio dedicado á formación especializada dentro da web do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de España. Revisei os números varias veces e o total de prazas, entre as adxudicadas e as que restan por adxudicar no segundo chamamento, é de 306. É curioso, porque outras fontes aseguran que o número total é 301, mentres que na convocatoria oficial do BOE pon que ese número é 273. Non sei a que se debe ese baile de cifras, supoño que terá algunha explicación simple e satisfactoria, mais eu non a sei. Tanto ten, o caso é que son 306 prazas repartidas entre 42 especialidades.
Para entenderdes a táboa a seguir, o número entre parénteses é o número de prazas desa especialidade que se ofrecen nesa cidade, o número xusto ao lado é o posto da última persoa que colleu unha praza desa especialidade nesa cidade, e o trazo (-) significa que non se ofrece esa especialidade nesa cidade. Non fixen diferenza entre hospitais, de modo que en cada cidade están incluídos todos os hospitais e áreas sanitarias correspondentes. A última columna representa o total en toda Galiza para esa especialidade, e a última fila representa o total de prazas para a determinada cidade. Por último, Vac. significa que a última ou últimas prazas desa especialidade nesa cidade están vacantes despois do primeiro chamamento.

Todos os datos da táboa anterior son do primeiro chamamento. Por causa do cupo para extracomunitarios (xente procedente de fóra da Unión Europea), ao final faise un segundo chamamento para encher esas prazas vacantes. Como aínda non tivo lugar ese segundo chamamento, póñovos tamén a táboa coas correspondentes prazas vacantes, como complemento para entender mellor os Vac. da primeira táboa.
Por último, vou resaltar algunhas curiosidades destas cifras:
- Galiza é a 6º comunidade autónoma que máis prazas ofrece, despois de Madrid, Cataluña, Andalucía, País Valenciano e Castela e León.
- A primeira praza galega en ocuparse foi Cardioloxía en Santiago de Compostela, escollida polo galego Brais Díaz co número 26.
- Porén, a persoa galega co posto máis alto foi Juan Espinosa, co número 15, que decidiu facer Medicina Interna en Cataluña, no Hospital Vall D'Hebron.
- A especialidade cun maior número de prazas en Galiza é Medicina Familiar, con 88. Séguena de lonxe Pediatría con 19 e Anestesioloxía con 18.
- A cidade que ofrece un maior número de prazas é Vigo, con 70. Non é de estrañar, xa que é a cidade máis poboada (296.479 habitantes) e a que ten máis hospitais, 3 (Xeral, Meixoeiro e Povisa).
Ningún comentario:
Publicar un comentario