Montse, médica de familia: «Dáme igual, como se fago Familia en Ceuta»


Montserrat Fernández estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, presentouse ao exame MIR en 2014 e dentro de pouco estrearase como R1 de Medicina Familiar e Comunitaria na Unidade Docente Multidisciplinar de Atención Familiar e Comunitaria de Pontevedra. Así é como nos relata a súa experiencia completa, desde o estudo até a elección de praza.


Imaxe meramente ilustrativa, tirada de informatio.ru.

Aínda que vos poida parecer mentira, creo que levo repetindo esa frase cousa de dous anos, por dúas razóns un chisco distintas: porque tiña claro que as únicas especialidades das que non desfrutaría serían as cirúrxicas, xa que durante os anos da carreira ninguén conseguiu que o quirófano me emocionase; e porque estaba desexando comezar a traballar, debido a que escollín Medicina de xeito vocacional. En resumidas contas, embarqueime na aventura que representa o MIR sen ter claro case nada. Así que aquí vos vai o primeiro consello: moitos de nós tomamos a decisión de que especialidade queremos cando quedaron no pasado todos os trámites anteriores, así que é o último tema que vos debe agobiar, aínda que sexa o primeiro do que vos falo e polo que vos pregunte todo o mundo.

Os meses de preparación para min foron moi tranquilos (quizais excesivamente), pero son unha persoa atípica que procura non estresarse baixo ningunha circunstancia. Pódovos dicir que durante os meses do verán estaredes relativamente ben e que a partir de aí é cando case todos comezan a sentir os primeiros nervios. Todos pasamos por momentos malos e non tan malos, pero intentade desfrutalo, aprender e non velo só como un trámite. Darédesvos conta de que a rutina se convertirá na vosa mellor amizade. Se vos bloqueades, pechade os manuais sen medo, dubido que non logredes os vosos obxectivos por un día de parón tras moitos de esforzo. Nesta etapa, o mellor que podedes facer é escoitar aos vosos maiores (os que xa pasaron polo mesmo: profesores, titores, compañeiros que son residentes...) e que ante o temor de estardes a facer algo mal, preguntedes. Aínda que poida parecer que non, hai marxe para solucionar detalles que non estedes a afrontar da mellor forma. Pedide axuda sempre que o precisedes, por favor.

Chegou o día D e pasou, sen máis. O que sentiredes ao saír é como unha especie de baleiro que só sabedes expresar dicindo que descoñecedes como o fixestes. Debedes sentirvos orgullosos de todo o traballo realizado, satisfeitos se estudastes todo o que vos foi posible e non fustigarvos polos erros baixo ningún concepto.

Recoñezo que eu, onde peor o pasei, foi valorando as especialidades. Pensei de novo todo, con pros e contras, coa práctica excepción de cirúrxicas e médico-cirúrxicas. Mesmo houbo momentos en que me pasou pola cabeza que para min Oncoloxía Radioterápica non era tan mala opción, e hoxe penso que neses momentos Sauron se meteu entre as miñas neuronas e dou grazas por ter desbotado ese tipo de ideas. Ao final, quedei coas opcións que xa tiña previamente. Despois de cousa dun mes pensando moi ben todo, cheguei a Madrid tendo claro o que quería facer e con todas as opcións previamente enviadas por solicitude telemática (que vos recomendo encarecidamente facer se tedes a posibilidade). É certo que nunca se sabe onde se pode atopar a felicidade, teño exemplos chamativos e representativos moi pretiño, pero intentade que a tolemia non se apoderede de vós e non fagades rarezas do tipo de escoller unha especialidade de laboratorio se o que máis desexades é ver unha morea de pacientes todos os días. Por último, a respecto da elección, nunca ocorre nada ata que un bo día pasa, e este ano tiveron que reiniciar o sistema por unha confusión cos datos, así que comprobade moi ben todo, incluso o voso nome completo consultando co DNI se é preciso, antes de darlle ao botonciño no teclado.

Conclúo dicíndovos que agora son inmensamente feliz e estou desexando que chegue o día de incorporarme. Creo que xamais me sentín tan orgullosa de min mesma nin con tantas forzas como agora. E xamais poderei esquecerme de todos aqueles que pasaron incluso máis nervios ca min con todo isto e que sempre estiveron pendentes, pasase o que pasase, fose bo ou malo. As caras de felicidade de todos os que puxeron o seu graíño para que levase todo o mellor posible son simplemente insubstituíbles. Agora, o meu maior desexo, é que todos os que comezaredes con isto en breves saibades de primeira man todo o que estou a sentir dentro dun ano. Deséxovos a mellor das sortes e despídome dicindo, máis unha vez, que se necesitades algo continúo por aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario