Memorias de Irun (II)

Cando acababa o Xabarín, os porcos cantaban en que pouco tempo o mellor rematou, rematou!. E así, ao son desa música, toca despedirse de Irun. Mañá é o meu último día aquí, e atrás quedan os macarróns con tomate, o frontenis, as tardes coa miña avoa vendo Borka, el rancho de Tesas e filmes de Cris Bruli, os sagardo eguna (e o Amil eguna!), as gatas, as ananás, os pistoleiros ou a maxia de ver amencer mentres tomas unha hamburguesa no Edurne.

Mais non me vou pór máis nostálxico, en lugar diso farei a segunda parte das Memorias de Irun (preme aquí para ver a primeira parte), contando todas as anécdotas divertidas que me aconteceron desde que escribín aquel artigo até agora. Entón, sen máis, aquí as tendes.

CALA A BOCA, RAPÁS! (13/03/2014)

Hoxe ía pola rúa cando parou un coche ao meu lado para pedirme indicacións. Mentres me explicaba, xurdiu detrás de min subitamente unha mullerona, como vinda de ningures. Cun xesto de menosprezo, interrompeume no medio dunha frase e comezou a dar ela as indicacións, como se eu non existise. Só lle faltou dicir cala a boca, rapás, que non tes puta idea.

Eu, como son un gentleman, díxenlle á condutora do coche xa che explica aquí a señora, que a min non me deixa e continuei o meu camiño. Se chegou ou non ao seu destino é algo que nunca saberei, mais tanto ten, sempre me gustaron os finais abertos.

A LAVADORA NOVA (13/03/2014)

Na casa tiñamos a mesma lavadora, encaixada no móbel da cociña, desde que teño memoria. Hai uns días estragouse e tivemos que comprar unha nova. Cando hoxe veu o técnico sacar a lavadora vella, non había maneira. Estivemos os dous máis dunha hora tirando, facendo panca, mirando cunha lanterna polos ocos e rompendo a cabeza até que ao final a demos sacado.

O problema? Estaba atrancado un coche de xoguete de cando eu era pequeno. Trolleeime a min mesmo a través do tempo.

Foto do coche de xoguete causante do troleo intertemporal.

PRACTICANDO O EUSKARA (18/04/2014)

Onte á mañá fomos aos Encuentros Rúnicos de Errenteria (podes ler aquí a crónica de como foron). Como chegamos cedo de máis, decidimos ir tomar algo á cafetaría mentres agardabamos. Entón pensei, que carallo, se estudei euskara que se note, fun decidido á barra e dixen:

Kafesne bat, mesedez. (Un café con leite, por favor.)

Dei un billete de dez á camareira, confiando en que fose suficiente para cubrir o prezo do café, e tróuxome a volta ao tempo que dicía algo indescifrábel en euskara. Eu sorrín e dixen:

Eskerrik asko! (Moitas grazas!)

Mais a camareira non cesou no seu empeño, achegouse máis a min e repetiume o mesmo máis devagar. Eu respondinlle cun sorriso nervioso, mentres tentaba chamar a atención dalgún dos meus amigos para que intercedese por min. Finalmente, a camareira apercibiuse e díxome en castelán:

Que no tengo billetes de 5 euros, que si no te importa que te dé las vueltas en monedas.

Nese momento, o amigo que tiña máis próximo a min, que se mantivera alleo durante toda a conversa a pesar das miñas chamadas de atención, virouse para min rindo. Si, xa o sei, iso pásame por ir de chulo, mais terei que practicar a lingua, ou?

LATTE NIGHT (26/04/2014)

Onte á noite fun ver Latte Night, o primeiro espectáculo ao vivo de Axel Casas e Ronquete. Foi moi, moi bo. Farteime de rir.

Aínda así, o que máis ilusión me fixo foi ir onda eles cando acabou para que me asinasen a camisola do bar. E asináronma. E falei con eles. E toqueinos. Toqueinos! Son de carne e óso, coma nós! Non son seres etéreos que viven do outro lado da pantalla do computador!

En fin, déixovos aquí a foto da camisola asinada por Axel, Ronquete e Primo Erik como mostra da miña vitoria. Para a próxima heilles propor xogar ao trompicallo.

Á esquerda, a sinatura de Ronquete. Á dereita, arriba
a de Axel Casas e abaixo a do Primo Erik.

AS CUCHARAS DO EROSKI (29/04/2014)

Hoxe fun ao Eroski facer a compra. Nun momento, falan por megafonía e din Edurne, cuchara. Pareceume curioso, mais non lle dei importancia. Ao pouco, volven dicir Edurne, cuchara. E así unha chea de veces, algunhas dicindo outro nome, algunhas engadíndolle mesedez, que é como os vascos piden as cousas por favor, mesmo que falen castelán.

Eu, que son home espelido, comecei a elucubrar. Sendo un supermercado, é posíbel que teñan unha promoción desas de conseguir cousas para a cociña por puntos. E hoxe tocaba repartir as culleres, por iso na megafonía non deixaban de pedir cucharas. O caso é que non vía a ninguén por aí con culleres, e estiven a reparar nos cartaces e en ningures falaban da promoción.

Xa cando estaba na fila para pagar, disposto a preguntar á caixeira o tema das culleres, mirei para riba. Nun panel, con grandes letras, puña kutxa. Entón caín da burra. Kutxa é caixa en euskara. Por tanto, kutxara significa á caixa. Non pedían culleres, estaban a dicir aos empregados que acudisen á caixa.

Menos mal que me decatei a tempo!

JON, O SEX SIMBOL (09/05/2014)

Non volo dixen, pero aquí en Irun teño moito éxito entre as mulleres. Cada vez que vou pola rúa coa miña avoa e nos encontramos con algunha coñecida dela, sempre di "¡Ay, qué guapo es tu nieto!".

E ollo, non sempre son octoxenarias con problemas de visión, moitas veces tamén son sexaxenarias que se nota que de novas deberon ser ben bonitas.

SEÑOR ALCALDE... (10/05/2014)

Estou no Sagardo Eguna de Irun. Acabo de falar co alcalde, o sr. Santano, para que poña máis bancos no barrio da miña avoa, que se queixa de que cando baixa coas amigas non teñen sitio para sentar todas. Tanto el como unha concelleira que estaba ao seu lado aseguráronme que si, que o ían facer. Non che me fío nada, que estamos en período preelectoral, mais xa veremos...

A PESCA DE PELOTAS NO BIDASOA (12/05/2014)

Hoxe fomos xogar ao frontenis nun frontón que hai ao ar libre. Como Irun é así, o muro onde rebotan as pelotas está ao lado do río Bidasoa, de xeito que se a pelota vai por riba del é moi probábel que acabe na auga. E, como non, aos 5 minutos de comezar a xogar tirei a pelota ao río.

Entón, despois de seguir a pelota polo curso do río até unha ponte, tocoume baixar por unhas escadas cheas de lama e algas para apañala. E esa é a nova foto de perfil que podedes ver no meu Facebook.

O curioso do tema é que o feito de haber un rapaz baixando ao río parece ser algo que non se ve decote, e a xente que pasaba por alí parou para darme ánimos. Ao final non só conseguín recuperar a pelota, senón que tamén apañei outra que pasaba por alí. Como a vida é cíclica, ao final esa segunda pelota acabou de novo no río e xa non a recuperamos. Pero a nosa pelota, a boa, aínda está baixo a nosa custodia.

E para rematar a historia, alí no frontón había un neno duns 11 anos que se apuntou a xogar connosco. E gañou. El só era mellor que catro rapaces de vinte e tantos anos. E había que ver como se encabuxaba cada vez que un de nós fallaba unha bóla. As novas xeracións veñen fortes.

DE BICIS E ABELLAS (14/05/2014)

No medio da rúa hai unha bici cunha caixa que dentro ten unha colmea. As abellas fuxiron e está todo Belaskoenea aterrorizado. Falei con varios veciños que pasaban por alí, e ninguén sabe a historia, aínda que hai varias teorías. Oxalá algún día alguén nos aclare a verdade.

Na foto non se aprecia ben, mais hai unha chea de abellas a voar ao redor.

OVOLACTOVEXETARIANISMO (25/05/2014)

Esta noite na porta da discoteca, veume un rapaz pedir porros. Díxenlle que non tiña, e non sei de onde sacou que eu era portugués. Entón comezou a contarme a historia do seu avó (ou bisavó, chamáballe das dúas maneiras), que era portugués e fora até o País Vasco camiñando sen zapatos.

E aí anoxouse moito, porque seica o seu avó pasaba tanta fame que comía gatos e solas de zapato. O dos gatos non o entendo, pero o das solas dos zapatos explicaría o feito de por que viaxou de Portugal a Euskal Herria descalzo. Total, que de repente resulta que me quería dar de hostias, e comezou a ameazarme co chisqueiro, porque despois de toda a fame que pasara o seu avó, era unha vergoña que eu fose ovolacteovexetariano. Só que eu non son ovolacteovexetariano...

Ningún comentario:

Publicar un comentario