Como perder calquera discusión (Lei aldraxe)


Unha cousa é ter as ideas claras e defendelas, outra é pensar que calquera persoa que non pense exactamente o mesmo ca ti é imbécil. E mesmo que o penses, alá cadaquén coa súa conciencia, iso non significa que debas dicilo cada vez que teñas a oportunidade. E moito menos con insultos, ben sexan xenéricos ou ben cualificativos despectivos na moda do momento e a temática.

Por que digo isto? Porque xa estou cheo. Canso. Farto. Aborrecido. Cada día vexo o mesmo. No Facebook, no Twitter, nos comentarios do Youtube, nos comentarios dos xornais dixitais, nas tertulias e debates da televisión ou simplemente nas conversas á cara entre persoas. Mesmo eu o teño sufrido, moitas veces sen ter nada que ver.

Explícovos, imaxinade unha interesante discusión sobre a necesidade ou non de evitar o sexismo na linguaxe. Unha persoa dá argumentos de inclusión e visibilización do colectivo feminino, e mesmo propón fórmulas que non traizoan a estrutura da lingua (é dicir, non propón usar xs alumnxs nin os/as alumnos/as, senón usar o colectivo o alumnado). A outra argumenta a economía da linguaxe e a tradición do uso do plural masculino co valor de plural neutro (porque dicindo os médicos do futuro enténdese que inclúe os dous xéneros, non fai falta comer a cabeza para buscar outra fórmula). Até aquí todo correcto, mais inexorabelmente chegará un punto en que ben a primeira persoa chame á outra machirulo (ou machirula), ou ben a segunda persoa chame á primeira feminazi. E, nese preciso instante, eu póñome a correr en círculos, cos brazos en alto, gritando moi forte.

Estendede tamén este exemplo ao debate entre normativas do galego (portujés de merda vs castrapista), ao debate entre ideoloxías políticas (facha vs rojeras) ou... ao tema que queirades. Calquera. O curioso do tema é que, co mesmo argumento, moitas veces podes observar como a xente che chama unha cousa ou a oposta dependendo do contexto. Dou fé, tenme pasado. Mais non é aí aonde quero chegar.

A cuestión é... que adiantan insultando? Que a outra persoa non ature a presión psicolóxica e se renda aos argumentos da outra?

— ¡Habla en español, follavacas! ¡Que Galicia es España!
— Oh, non, chamoume follavacas! Vou deixar de falar na miña lingua agora mesmo!

Non, a vida non funciona así. O único que consegues é desacreditarte, mostrar que non tes argumentos para defender as túas ideas ou, no mellor dos casos mostrar que es unha persoa incapaz de manter unha conversa con alguén que pense diferente. Por iso saquei da manga unha lei, a Lei aldraxe, porque os blogueiros clásicos facían este tipo de parvadas. E a lei di o que reza a imaxe que encabeza este artigo, se a incumpres desacredítaste a ti mesmo e, polo menos aos meus ollos, perdes a discusión. Aínda que iso signifique dar por gañador a alguén que defenda que un muffin non ten nada que ver cunha madalena. Pensáralo antes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario