Lucía, médica de familia: «Así é o día da elección da praza MIR»


Lucía Ribadulla estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, presentouse ao exame MIR en 2014 e dentro de pouco estrearase como R1 de Medicina Familiar e Comunitaria no Hospital Universitari Doctor Peset de Valencia. Esta é a historia do día que foi escoller a praza MIR a Madrid.



Conto aquí, por petición do meu amigo Jon, como é o día da elección da praza MIR.

Eu tiven que ir elixir, tras un tormentoso parón dunha semana, un martes 22 de abril na sesión da tarde (cada día van 700 en total, 350 en cada sesión). Valente de min, decidín desafiar o destino collendo o Ryanair da mañá. Por sorte, ningún desafortunado imprevisto ocorreu, e andaba xa en Madrid centro ás 10h30 da mañá.

Como muller inquieta dirixinme directamente ao Paseo do Prado para tentear o terreo. O Ministerio atópase xusto en fronte do Museo do Prado e a entrada é por unha porta no lateral do edificio, na rúa Lope de Vega. Aínda así, se tiveses dúbidas de se estás na localización correcta, unha multitude de xente mordendo as unllas indicaranche que estás no lugar en que debes estar.

Como ía dicindo, despois de ver o terreo e ter todo centímetro da rúa baixo o meu control, dirixinme ao hostal a descansar as últimas horas antes do momento. En nada deron as 15h00 e aí estabamos todos, nerviosos, esperando, recordando a sensación deses fatídicos momentos antes de entrar nun exame, pero multiplicada x10.

E así, ás tres, comezan a chamar por orde de número. Co teu DNI identifícaste nunha mesa, onde che dan un papel co teu nome, o cal tes que mostrar no momento que elixes a praza. Camiñas, pasas un pequeno control de seguridade e, finalmente entras nunha sala grande.

Cando todo o mundo entrou pechan as portas, e os xogos da fame comezan. Danche unha charla de media hora sobre as normas e o que tes que facer, e logo diso comezan a chamar de dez en dez aproximadamente. Sobes ao estrado, onde hai varios computadores, e o último é no que lles tes que dicir o nome da especialidade e o lugar. Póñencho na pantalla, á vez que o ven e escoitan todos os da sala. Miras que polos nervios non dixeches hidroloxía e dáslle ao ENTER. «¡Adjudicada!», di unha muller polo micrófono.

Aínda que che din que podes parar a pensar, que che dan tempo, a verdade e que a sesión decorre bastante rápido. O tempo pasa, vas informando polo Whatsapp dos cotilleos, dos coñecidos que soben e o que collen, de se algún deixa pasar a vez por amor, deixas de respirar cada vez que oes que alguén elixe a especialidade que queres ata que... chega o teu momento. Cos nervios no seu apoxeo, rezas para que ningún dos que subiron diante de ti digan o que ti queres e... listo. Fose a primeira ou a quinta opción, xa tes a túa praciña. Saes por outra porta distinta, vas a outra mesa en que che dan mais papeis e diríxeste á saída, onde os teus achegados che darán os parabéns e saltarán contigo.

Xa lograches a túa meta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario