Crónica dos "Encuentros Rúnicos 2014"

Recorte do cartaz promocional deste ano. Podes ver a imaxe enteira nesta ligazón.

Encuentros Rúnicos / Topaketa Errunikoak son unhas convivencias internacionais para a xente que é afeccionada aos xogos de rol, computadores, videoxogos, xogos de cartas coleccionábeis, xogos de mesa, banda deseñada, manga, wargames... e demais cousas que a xente do común cualifica como frikis. Son unha vez ao ano en Errenteria, coincidindo cos festivos da Semana Santa, co que desta volta foi 17, 18, 19 e 20 de abril.

Pois ben, convencido polos meus amigos de Irun, fun con eles a tal evento. Hei de recoñecer que ao comezo estaba un pouco escéptico. Porque si, algo sei de videoxogos (visitade Memoria Pixelada!) e na miña tenra adolescencia pintaba Warhammer (mirade as 4 primeiras fotos desta ligazón), mais iso é todo. A pesar da imaxe que poidades ter de min, non encaixo no estereotipo friki. Mais ao carallo cos estereotipos, ao final o importante son as persoas, e quitando os prexuízos podes pasalo xenial facendo cousas que nunca pensaches que che fosen gustar. Dito isto, comezamos.

O primeiro día chegamos ao Polideportivo Galtzaraborda, onde é a zona de acampada. Chantamos as nosas tendas de campaña e fomos inspeccionar o terreo. As actividades estaban divididos en 3 zonas separadas por uns 10 minutos a pé. A zona dos videoxogos (Niessen-Dantzagune) era un local con varias consolas e computadores, onde unha amábel muller da organización recibía a xente amabelmente ao grito de ACREDITACIÓN!!!. A zona de xogos de mesa (Merkatuzar) era un local bastante grande cheo de mesas, onde se concentraba a maior parte da xente. E, por fin, unha carpa ao ar libre cun barco viquingo dentro, que á parte de servir para facer actividades daba bastante visibilidade ao evento.

Despois de recoñecer o terreo, fomos comer. Para as comidas e as noites de festa a organización do evento ten acordos especiais con diferentes bares, tascas, locais de comida rápida e pubs. Así, por participar no evento, temos prezos e ofertas especiais, o que está ben, mais podedes imaxinar o tipo de dieta a que me sometín estes días. Mais o tema non é ese.

Á tarde do primeiro día fomos á zona de xogos de mesa, onde o meu amigo Iñaki gañou un campionato de HeroClix, con figuras que lle deixaran e sen saber ben as regras do xogo. Feito iso, fomos á zona de videoxogos, onde viciei ao Band Hero (agora son un amo na batería) e Iñaki perdeu inxustamente na final do campionato de Street Fighter IV. O problema chegou á noite, cando quixemos ir durmir...

O polideportivo estaba ateigado de tendas de campaña e sacos, nun caos semellante ao dun campo de refuxiados. O silencio pairaba no ambiente... silencio? Unha merda silencio! Aquilo parecía unha reunión de trompetistas. De verdade, eu entendo que a xente poida roncar, mais aquilo non eran ronquidos, eran ruídos que só poden producir certos animais da sabana africana. Eu estaba convencido de que en calquera momento soaría o barrito dun elefante, e a ninguén lle estrañaría o máis mínimo.

No día seguinte estaba programado un campionato de Pokémon Stadium, para o cal xa pensara unha estratexia que me erixiría como indiscutíbel gañador. Mais, sen explicación ningunha, decidiron facer no seu lugar un campionato do xogo de Dragon Ball Z da Super Nintendo. E xa me amolaron. Afortunadamente durante a tarde coñecemos un grupo de rapaces e raparigas de Salamanca e xogamos a un xogo de mesa de adiviñar personaxes do cal non lembro o nome. Á noite botamos unha partida a un xogo chamado Os lobishomes de Castronegro, un xogo divertidísimo para grandes grupos de xente.

No terceiro día, no local dos xogos de mesa, o creador do xogo de mesa Espada Negra quixo mostrarme o seu xogo e ensinarme a xogar. E gañeille unha partida. Si, gañei unha partida ao propio creador. Son o indiscutíbel amo e señor do universo do xogo de mesa de Espada Negra. Despois fomos ao campionato do Band Hero. E esperamos. Esperamos. E ninguén dicía nada. Entón fun falar cun da organización que me deu respostas esquivas. Total, que non houbo campionato. Segunda vez que me fai ilusión participar nun campionato, segunda vez que me amolan. O bo deste día foi á noite, festa nun pub onde nos puxeron toda a música que pediamos, incluíndo as cancións de varias series de debuxos (¡Dragones y Mazmorras, un mundo infernal!).

No último día só foi recoller, entrega de premios e sorteos. Tocoume un póster que é a portada do libro Tormenta de Espadas. Que oes, eu non son fan de Xogo de Tronos nin nada diso, pero un regalo é un regalo. E aí acabou todo. Despois retornei á casa e durmín como unha marmota.

A miña valoración é boa, paseino ben e foi divertido. Sería moito mellor se participase nos xogos de rol ao vivo, nos torneos de cartas Magic e outras actividades masivas, mais realmente non son cousas que me chamen moito. Talvez para outro ano. Até entón, tócame continuar a estudar, que xuño está aí e o MIR 2015 espreita inquisitivo á volta da esquina.

1 comentario:

  1. Cando sexan as Viñetas desde o Atlántico da Coruña vas arrasar nas actividades de rol e videoxogos que organizan as asociacións. Estarei presente.

    ResponderEliminar