É curioso como pode mudar a túa vida nun segundo. Nun instante estás tan tranquilo, e ao instante seguinte... a nada. O baleiro. Un silencio do outro lado. Unha petición sen resposta. Un servidor que non se encontra. Unha luz vermella a piscar no router.
Así dá o Firefox as malas noticias. Pésimo trato na relación médico-doente. |
Era unha noite de cuarta feira. Podía tratarse dunha simple caída no servizo, non tiña importancia, e xa era tarde de máis para andar a chamar á compañía. Decidín agardar á mañá seguinte.
A mañá da quinta feira era prácida. O sol entraba polas raias da persiana, e xa me esquecera da caída de Internet da noite anterior. Erguínme da cama cos ollos aínda semipechados, cando de esguello albisquei algo que non cadraba, algo que non era normal. Entón decateime. Nun recanto do cuarto, agachado, o router dábame os bos días co seu LED vermello acendéndose e apagándose. A noite non solucionara nada. Tocaba chamar ao servizo técnico.
Aínda que non se vexa ben, a segunda luz, a do @, está en vermello. |
Busquei o número de atendemento ao cliente de Orange, collín o teléfono fixo e chamei. Sen sinal. Probei a chamar do meu móbil ao fixo, para comprobar se había liña. El teléfono al que llama no se encuentra disponible. Xenial. Decidín entón contactar con eles polo Twitter, que no móbil teño outro operador e non está a economía como para andar a gastar.
O Community Manager de Orange pareceume unha persoa simpática. Ten certa manía de acabar as súas mensaxes co emoticon ^B^, que vai saber que é o que significa, mais atendeume ben. Por mensaxes directas de Twitter funlle explicando o problema e foime preguntando datos, até que de súpeto deixou de responder. E pasou unha hora. E pasaron dúas. E mandeille outra mensaxe. E continuou sen responder. Até que nos fartamos e decidimos chamar desde o móbil. Buenas tardes, ¿puede darnos más informasión sobre su insidensia?, explicación da incidencia, musiquiña, pásoche con outro departamento, musiquiña, explicación de novo da incidencia, musiquiña, comprobación dos datos da propietaria da liña, musiquiña, mira se está ben conectado isto, reinicia aquilo, musiquiña... despois dun bo anaco (e 8€ de saldo) a súa solución foi esperar 72 horas para ver se volve a liña por obra e graza do Espírito Santo. Tres días a velas vir, catro se temos en conta que o día seguinte desas 72 horas era o domingo, o día do Señor, e non se traballa. Moi relixioso todo.
Chegou a segunda feira, comezo dunha nova semana e quinto día sen Internet. Sen noticias de Orange, decido mandarlles outra mensaxe polo Twitter. Pasou o día. Na terza feira, alá pola tarde, chaman á miña tía ao móbil, que está a traballar. Non se preocupan de chamar de novo máis tarde, até que lles dou un toque polo Twitter e lles digo que chamen de novo. Por fin chaman, collo eu. Buenas tardes, le llamo del servisio de atensión al cliente de Orange. Explícolle todo de novo e doulle o meu móbil para que me chamen a min. Asegúranme que no día seguinte virá o técnico, non me poden dicir a que hora.
No día seguinte, fiquei na casa o día todo, á espera. Por volta das 7h da tarde soa o meu móbil. Fálame un rapaz con acento vasco que di que é un técnico de Movistar e chama pola miña incidencia con Orange. Líos deles supoño, eu o que quero é que me arranxen a liña, non me importa quen. O pobre rapaz dime que veu á casa e non había ninguén, e eu retrúcolle que iso é imposíbel. Repasamos o enderezo e resulta que chamou á casa do veciño. Enganouse na letra da porta. Vaia putada, ho! Quedamos para a mañá seguinte.
E así chegamos a hoxe, quinta feira, unha semana despois. Ás 10h30 chaman ao timbre e sobe o rapaz co que estivera a falar polo móbil. Moi simpático el. Detectoume o acento ao momento e contoume que estivera a traballar no parador de Tui moitos anos, mesmo fixera unha tatuaxe como recordo. Quere mostrarma. Insospeitadamente, baixa o pantalón, rompendo o botón da petrina. A miña mente repasa todos os lugares onde pode estar esa tatuaxe nun tenso segundo que me pareceu eterno, até que sinala o seu cuádriceps. Alí, tatuado, estaba o logotipo vello de Turgalicia.
Continuamos a parolar mentres o guío até o PTR, que ao parecer é como se chama o choio ese que vai na parece onde se engancha o cable do teléfono. Abre a caixiña e... sorpresa! Un cabliño estaba desenganchado! Engánchao. Non vai. Comproba que os cables teñen sinal, entón o fallo é do PTR. Saca o PTR e pon outro. Conecta todo. Non vai. Cágase en todo. Volve comprobar que polos cables chega ben a conexión. Tolea un pouco, até que decide quitar o PTR e pór outro. Efectivamente, resulta que o PTR viña defectuoso de fábrica. Os controles de calidade son ben rigorosos, si. Engancha todo de novo, e desta vez si, todo vai ben. A luz vermella vira verde e eu respiro tranquilo. Volvo ter Internet.
Aquí están os dous PTR que non funcionan, o que tiñamos e o novo que saíu defectuoso. |
Mentres escribía estas liñas, chamáronme ao fixo os de Orange para ofrecerme un desconto, supoño que para resarcirme deste tempo sen Internet. Curiosamente, desta vez non era unha persoa sudamericana a que chamaba, senón que tiña acento castelán. En calquera caso é de agradecer, porque estaba decidido a pórlles unha queixa, cousa que xa non vou facer.
Como dato final, direi que neste tempo sen Internet lin tres libros e medio, vin toda a serie de True Detective (que, afortunadamente, xa tiña baixada) e dei cabo da tarifa de datos do móbil. Tampouco foi tan duro vivir sen Internet... PERO COMO VOLVA QUEDAR SEN EL MÁLLOOS A PAUS!
Actualización: A iso das 13h recibín outra chamada de Orange, cunha nova oferta que rexeitei. Expliqueille que xa me chamaran antes e falamos da oferta que me fixeran. Resulta que o desconto que me ofreceran antes si que era tal, pero que só se aplica á parte correspondente ao ADSL e non ao total, co cal o prezo final non era o que me dixeran, senón 5€ máis. Cando lle pedín o número da incidencia para pór a reclamación, deumo a fume de carozo e mudou de tema. Cando despois lle pedín que mo repetise, díxome airada que xa mo dera, pero pedinlle que mo repetise lentamente, e ao final cedeu e repetiumo. Polo demais, a tipa era moi riquiña. Chamábase Mari Ángeles e era unha uruguaia de avós ferrolanos que vive en Vigo, onde ten Orange a central de fidelización, que é de onde me estaba a chamar. Aínda botei os últimos cinco minutos a falar con ela sobre a emigración. Total, que ao final non se libran da queixa, xa vos contarei.
Actualización 2: Chamei para pór a queixa. Desta vez falei con Sandra, de Sevilla, xa que teñen alí o servizo de atendemento ao cliente. Resulta que a Mari Ángeles tiña razón, e que o o primeiro home que me chamou para facer a oferta equivocárase ao calcular o prezo total. E polo visto, como o desconto está ben feito, non podo pór unha reclamación porque me indicasen mal o prezo final. Polo visto a culpa é miña por fiarme do que me dixo e non calcular eu mesmo o desconto antes de aceptar. Claro. Ao final, tanto insistín que a pobre Sandra deixou unha nota informativa para os seus xefes e deume o número da xestión, para ver se ao final se pode facer algo. Total, que Orange é unha merda.
Se comigo xogan así, non quero nin imaxinar as estafas que lle han de meter á xente vella que non entende ben destas cousas.
Actualización 2: Chamei para pór a queixa. Desta vez falei con Sandra, de Sevilla, xa que teñen alí o servizo de atendemento ao cliente. Resulta que a Mari Ángeles tiña razón, e que o o primeiro home que me chamou para facer a oferta equivocárase ao calcular o prezo total. E polo visto, como o desconto está ben feito, non podo pór unha reclamación porque me indicasen mal o prezo final. Polo visto a culpa é miña por fiarme do que me dixo e non calcular eu mesmo o desconto antes de aceptar. Claro. Ao final, tanto insistín que a pobre Sandra deixou unha nota informativa para os seus xefes e deume o número da xestión, para ver se ao final se pode facer algo. Total, que Orange é unha merda.
Se comigo xogan así, non quero nin imaxinar as estafas que lle han de meter á xente vella que non entende ben destas cousas.
jajaja http://www.youtube.com/watch?v=2OBZHB5I89A :)
ResponderEliminar