O tren para Irun

Esta actualización non é importante. De feito, nin a vou publicar no Facebook. Só quero cagar un pouco en Renfe.

A foto pode non ser do tren en que viaxei, mais debia ser da mesma época.

Ir en tren de Vigo a Irun é peor que unha dor de moas. Para comezar, a viaxe dura 12 horas. Doce? Si, doce. Porque aínda que tecnicamente a duración é 11 horas e 30 minutos, sempre leva atraso. Sempre. Mais... por que tarda tanto? Por culpa do centralismo español. Porque claro, o noso pequeno país está alá nunha esquina e non é importante. Poderían investir en facer un tren Avant que fose por todo o eixo atlántico peninsular. Xa non lles pido un AVE, non somos dignos de tal honra, só un Avant. Mais non, claro que non, é moito máis importante conectar Galiza con Madrid! Para que quererían os galegos ir a Euskal Herria, ou a Francia, podendo ir á capital do Imperio? Están locos estos gallegos.

Vai, aceptamos as dificultades orográficas, a crise e demais escusas sen fundamento. Non hai Avant, mais... poderiamos ter ao menos un tren deste século? O Media Distancia Vigo-Coruña é un tren moderno, confortábel, con enchufes e máquinas de bebidas e petiscos. Todas as comodidades para 2 horas de viaxe. O ARCO a Irun non, nada diso. Ten asentos vellos e incómodos, uns radiadores que botan ar quente postos estratexicamente baixo as xanelas, de modo que non poidas acomodarte para durmir sen apañar unha infección de ouvido, unhas teles do tempo de María Castaña onde poñen filmes pésimos e unha señora que monta en Astorga e bota media hora gritando Mantecadas! Hojaldres! por todos os vagóns.

Mais tanto ten todo, sería quen de perdoarlles o atraso, as incomodidades, os baños infrahumanos, o feito de ser unha ferralla vella e calquera outra cousa, se tivesen enchufes. Só un enchufiño, nada máis. Porque en 12 horas gastei a batería do portátil, do móbil, da PSP e case case a do Kindle, cousa que ten mérito xa que a batería do Kindle dura máis dun mes.

En fin, estou en Irun e iso é o que importa. Agora tócame probar a vida do emigrado.

E para concluír esta publicación, déixovos un chiste moi apropiado para o tema:
—Desculpe, este é o tren para Irun?

—Non, é para ir todos os que queiran.

2 comentarios:

  1. JAJAJAJAJAJAJAJAJAJA, no te imaginas lo que te entiendo ;)

    ResponderEliminar
  2. Ese lo cogí yo, pero en Monforte. Creo que le resté unas... ¿tres horas, puede? Pero la señora de las mantecadas es un clásico.

    ResponderEliminar