Alberto FM: «O mellor agasallo do Nadal»


Este artigo é unha colaboración de Alberto FM. Se tu tamén queres colaborar con As MIR e unha noites, ponte en contacto pola páxina do Facebook ou o correo-e contacto@asmireunhanoites.com.



Onte dende As MIR e unha noites desexábase un bo nadal a todos os “medicinos”, pero hoxe queremos ir mais alá. Hoxe queremos desexarlle un bo nadal a todas aquelas persoas que pasan estas datas agardando un resultado, un diagnóstico, unha intervención ou ingresadas nun hospital. Para todas elas, bo nadal!

Pero sen dúbida quen máis merecen a nosa felicitación, os verdadeiros heroes dun hospital, son os nenos e nenas que a diario e durante moitos días, meses ou anos loitan contra unha grave enfermidade sen perder o sorriso, ese sorriso que dá forzas ás súas familias para seguir adiante na súa loita diaria. Bo nadal, raparigos!

Coma nenos que son, a súa cara énchese de luz cando ven aparecer na súa habitación a súa personaxe de debuxos favorita, o seu xogador preferido ou o Papá Noel ou os Reis Magos (ou o Apalpador!); que sacan unhas fotos con eles e lles deixan un pequeño agasallo. Pero para estes nenos o mellor agasallo nestas datas non é un xoguete, senón algo tan “simple” como alcanzar unha determinada cifra, un número case máxico para eles, algo que case non comprenden pero que lles pode salvar ou mudar a vida.

Algo tan complicado coma superar unha enfermidade grave pode ter solución gracias a un pequeno e sinxelo xesto como é unha doazón de medula ósea.

Que teñan ese “sinxelo” agasallo está nas nosas mans.



Grazas a La silla turquesa, un blog de deseño e decoración que por circunstancias da vida está a contribuir á concienciación sobre a doazón de medula ósea, moitas grazas por abrirnos os ollos de cando en cando ós que temos os problemas e as solucións diante dos ollos e non somos capaces de velo. E que a forza te acompañe, pequeno duende.

Ningún comentario:

Publicar un comentario