Esta entrada fai parte da campaña #NonSenEvidencia, organizada desde http://nosinevidencia.wordpress.com. Podes axudar a promover a campaña a través do teu blogue, Facebook ou Twitter, mira aquí como facelo.
Manifesto #NonSenEvidencia
A evidencia científica é unha das pedras angulares nas que se asenta a medicina moderna. Isto non sempre foi así: durante anos empregáronse tratamentos médicos sen comprobar previamente a súa eficacia e seguridade. Algúns foron efectivos, aínda que moitos tiveron resultados desastrosos.
Non obstante, na época da historia da humanidade na que máis coñecementos científicos se acumulan, existen aínda pseudo-ciencias que pretenden pasar por disciplinas próximas á medicina e chegar aos pacientes sen demostrar ningunha efectividade nin seguridade.
Os asinantes deste manifesto, profesionais sanitarios e doutras ramas da ciencia, xornalistas e outros, somos conscientes de que a nosa responsabilidade, tanto legal coma ética, consiste en achegar o mellor tratamento posible aos pacientes e velar pola súa saude. Por iso, a aparición nos medios de comunicación de noticias sobre a apertura dun proceso de regulación e aprobación de medicamentos homeopáticos preocúpanos como sanitarios, científicos e cidadáns, e cremos que debemos actuar ao respecto. As declaracións da directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) asegurando que “non todos os medicamentos homeopáticos teñen que demostrar a súa eficacia” e que “a seguridade non se ten que demostrar con ensaios clínicos específicos” non fan senón aumentar a nosa preocupación.
Polo tanto, solicitamos:
- Que non se aprobe ningún tratamento que non demostrase, mediante ensaios clínicos reproducibles, unhas condicións de eficacia e seguridade polo menos superiores ao placebo. A regulación duns supostos medicamentos homeopáticos sen indicación terapéutica é unha grave contradición en si mesma e debe ser rexeitada. Se non está indicado para nada, para que hai que empregalo?
- Que a AEMPS retire da comercialización aqueles fármacos, de calquera tipo, que malia ser aprobados, non demostrasen unha eficacia maior que o placebo ou que presenten uns efectos adversos desproporcionados.
- Que o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e o resto de autoridades sanitarias persigan aquelas empresas que atribúen aos seus produtos cualidades curativas ou beneficiosas para a saúde sen demostralo cientificamente.
- Que o Consello Xeral de Colexios de Médicos de España / Organización Médica Colexial, en cumprimento do artigo 26 do Código de Deontoloxía Médica, desaprobe os facultativos que prescriban tratamentos sen evidencia científica demostrada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario