Despois da primeira parte do Diario de prácticas, era obrigado facer unha segunda. Desta vez vai unha colectánea de cousas que aprendín ao longo das prácticas, tal e como as fun narrando polo Twitter no seu día.
- Primo Gumersindo é un nome totalmente válido para un doente e non implica necesariamente parentesco co médico que o atende.
- É perfectamente coherente que unha muller se apelide Hombre.
- Para diferenciar o aceiro inoxidábel bo do ruín hai que achegarlle un imán. Canto maior sexa a atracción do imán, maior é a porcentaxe de ferro na composición e mellor é a calidade.
- A pesar de que digas que te fías, hai secretarias de avanzada idade que teiman en demostrar a súa flexibilidade facendo ante ti unha exhibición de exercicios ximnásticos.
- Nunha explotación leiteira sae moito máis en conta cultivar a forraxe que comprar penso.
- Ser de Lalín é un factor de risco pulmonar. Desde que hai autoestrada a Santiago, os médicos de alá mandan xente ao CHUS aínda que estea perfectamente sa.
- No caso de contaminación nun quirófano, o procedemento estándar consiste en correr en círculos mentres gritas ¡Estoy contaminado! ¡Joder! ¡Estoy contaminado!. Vaia, non confirmei se o procedemento está descrito nos protocolos, pero é o que vin facer a un adxunto.
- «No es lo mismo un barco chino que un bar cochino.»
- A palabra Idiopático vén do grego idio-, que significa non o sei, e -pático, que significa quen me dera sabelo.
- Se te vas meter en pelexas, é mellor quitar antes as moas do xuízo. O motivo é que as persoas con moas do xuízo teñen a mandíbula máis fráxil nesa zona e pode quebrar máis facilmente dun golpe.
Especial: O dia en que máis cousas aprendín de todas as prácticas
Todas as seguintes curiosidades que vou pór a seguir aprendinas no mesmo día, co mesmo médico, nos momentos mortos da consulta cando algún doente chegaba tarde.
- O Delta do Okavango é o único caso en que un río desemboca na terra e non nunha masa de auga.
- O diabo espiñoso (Moloch horridus) é lagarto australiano que capta auga nas espiñas do corpo e transpórtaas a través da pel até a boca para beber.
- Existen os volcáns de lama. Os máis importantes do mundo localízanse no Acerbaixán.
- O maior ser vivo do mundo é o fungo Armillaria solidipes. Existe un exemplar americano que ocupa unha extensión de 8,9 km².
- O mellor cazador do mundo animal é o mabeco ou licaón (Lycaon Pictus), cunha porcentaxe de éxito entre 70% e 89%.
- Deneb é a estrela mais brillante da constelación do Cisne, e tamén pode ser nome muller.
Ningún comentario:
Publicar un comentario