Hoy no hay clase significa que hai que ir á clase para non ter clase.
Dúas veces ao ano, observaredes como a xente de sexto irrompe nas aulas con aparencia de levar toda a noite de festa ao grito de Hoy no hay clase. Non vos preocupedes, non é un dos sinais da apocalipse, é unha tradición que vén de lonxe. A primeira das veces é en decembro, despois da súa cea de Nadal, na cal aparecerán con adornos típicos da época e convidaranvos a cantar panxoliñas coa letra convenientemente modificada (vídeo). A segunda será á altura de abril, despois da súa cea de Licenciatura, e virán cunha charanga, un conxunto de gaiteiros ou calquera agrupación musical equivalente (vídeo).
Para que todo vaia como debe ser, é importante que as persoas de anos inferiores sigan estas dúas sinxelas normas:
- Aínda que saibades que van vir os de sexto, hai que ir á clase. Non vale saír no día anterior e dicir "bah, non vou á clase, total vana rebentar". É máis, se es das persoas que non acostuman ir, ese día non podes faltar.
- Hoy no hay clase significa precisamente iso. Nos últimos anos está a perderse ese concepto, e é fundamental. Cando chegan os de sexto, faise festa e non se volve dar clase en toda a mañá.
Nota: Se queredes ver máis vídeos das rebentadas de clase da miña promoción, botade unha ollada a este canal do Youtube.
Ningún comentario:
Publicar un comentario