Día 72: O meu nome, esa entelequia

Chámome Jon. Jon é un nome vasco, equivalente ao noso Xoán. A súa pronuncia é ion, nunha soa sílaba. É incorrecto entón dicir ión (en dúas sílabas, i-ón) ou llon. A súa escrita, segundo as normas ortográficas da Euskaltzaindia, é Jon, con j, aínda que no dialecto gipuscoano do euskara tamén se pode ver escrito por veces Ion, con i.

Isto, que así lido pode soar revirado, non debía ter problema ao falar. Se eu digo "Ola, son Jon", a outra persoa xa escoita no momento a pronuncia correcta, xa non ten dúbida. E cando teñen que escribir o meu nome non me importa soletrealo e dicir "Jon, iota-o-ene".

Pois ben, cando digo que non debía ter problema, o que estou a dicir é que na realidade si que ten problema. No rural galego é imposíbel facerme entender, e acábanme chamando, no mellor dos casos, Ioni. Aínda peor é cando vou a Portugal, onde unha mesma persoa me chegou a chamar ao longo dun día Joan, João, Diogo e Ruão.

Imaxe real de como escribiron o meu nome en Coimbra.

Mais o problema do meu nome non acaba aí, non. Por cousas que acontecen na vida, cando ao nacer me foron inscribir no rexistro non puxeron Jon como debían, senón outro nome: Jonathan. Vaia, ou iso creo, xa que no libro de familia o que pon é Yonatán, e no meu DNI pon Jonatan. Con todo, a min de pequeno ensináronme a escribir Jonathan, e é esa a forma que aparece en todo o resto de documentos oficiais, incluíndo a matrícula da universidade. A pesar disto, por favor, non me chamedes nunca Jonathan. Detéstoo, e xa estou a iniciar os trámites para pór Jon como o meu nome legal a todos os niveis.


P.S: Adiantándome a posíbeis comentarios, sabede que Pablo me chama Joni (así me chamaban en judo, aínda non sei ben por que); e Ana se le isto dirá que o meu nome é Jonathan Alejandro, pero ese xa é outro conto...

1 comentario:

  1. ¿Has probado con la versión argentina? "Xonatán" o "Xonazán"

    Tiene estilo

    ResponderEliminar