Día 71: Un agradábel paseo en bici

Hoxe á noitiña, despois de toda a tarde a estudar para o exame de Médica 3 que teño o día 16 (que é o último que me falta), decidín ir dar un paseo para coñecer a aldea. O Javi tiña unha bicicleta vella gardada, e pensei... por que non ir sobre rodas?

Collín a bici e púxenme a facer quilómetros. Cando cheguei ao campo da festa da parroquia do lado, decateime de que xa paseara o suficiente e decidín dar volta. Lamentabelmente, no momento de dar a volta o pedal esquerdo decidiu que era o momento de emanciparse e proclamou unilateralmente a súa independencia do resto da bici, escachando en anacos pola estrada. Baixei e púxenme a procurar as pezas do pedal ciscadas polo chan. Conforme ía encontrando as pezas, aos poucos, ía escurecendo o día, e ao final estaba tan escuro que non dei encontrado a última porca que faltaba.

Nota: En galego 'tuerca' dise porca, e é iso o que me faltaba. Obviamente non levaba unha cocha na bici, polo menos non desta vez.

Cando me dei por vencido, decidín encetar o meu camiño de volta a pé. Uns 40 minutos despois cheguei á casa, onde Javi e María agardaban por min pensando que me perdera polo camiño, cousa que non é falsa de todo. Ao velos, levantei o pedal en sinal de vitoria, xesto que eles corresponderon escachando a rir.

Foto do estado da bici no momento en que regresei á casa. Non se ve un carallo, pero xa vos dixen que escurecera, que esperabades?

1 comentario:

  1. As bicis vellas non son de fiar, dígocho por experiencia, son falsas, moooi falsas >.<

    ResponderEliminar