Nestes días está a circular pola internet un poema chamado OCD (TOC, en galego). Nel, unha persoa que padece transtorno obsesivo-compulsivo conta, desde a súa perspectiva, unha historia de amor. O autor é Neil Hilborn, quen realmente padece de TOC e a quen realmente lle aconteceu a historia que conta o poema. Tendes aquí o vídeo do autor a recitar o poema e, embaixo, a tradución ao galego.
TOC
A primeira vez que a vin..
Todo na miña cabeza ficou en silencio.
Todos os tics, as imaxes que aparecían seguido, simplemente desapareceron.
Cando sofres de transtorno obsesivo-compulsivo, non tes realmente momentos silenciosos.
Mesmo na cama, estou a pensar:
Fechei as portas? Fechei.
Lavei as mans? Lavei.
Fechei as portas? Fechei.
Lavei as mans? Lavei.
Mais cando a vin, a única cousa en que podía pensar era a curva dos seus labios..
Ou a pestana na súa bochecha—
a pestana na súa bochecha—
a pestana na súa bochecha.
Sabía que tiña que falar con ela.
Pedinlle para saír seis veces en trinta segundos.
Ela dixo que si logo da terceira, mais ningunha delas me parecera ben, de maneira que continuei.
No noso primeiro encontro, gastei máis tempo a organizar a comida por cores que a comela, ou que a falar con ela..
Mais a ela encantoulle.
Encantoulle que tivese que repetir o bico de despedida dezaseis veces, vinte e catro se era cuarta feira.
Encantoulle que tardásemos unha eternidade en chegar á casa porque a calzada estaba chea de fendas.
Cando fomos vivir xuntos, dixo que se sentía segura, xa que ninguén nunca nos ía a robar despois de ter fechado a porta dezaoito veces.
Sempre ollaba para a sua boca cando falaba—
cando falaba—
cando falaba—
cando falaba;
cando me dicía que me quería, a súa boca curvábase nas beiras.
Á noite, deitábase na cama e vía como acendía e apagaba as luces.. E acendía, e apagaba, e acendía, e apagaba, e acendía, e apagaba, e acendía, e apagaba, e acendía, e apagaba.
Ela fechaba os ollos e imaxinaba que días e noites estaban a pasar por diante dela.
Mais entón.. Dixo que lle estaba a quitar moito tempo.
Que non podía darlle tantos bicos de despedida porque a facía chegar tarde ao traballo..
Cando dicía que me quería, a súa boca era unha liña recta..
Cando eu paraba diante dunha fenda da calzada, ela simplemente continuaba a camiñar..
E na última semana comezou a durmir na casa da nai.
Díxome que non debía ter deixado que me apegase tanto a ela; que todo isto fora un erro, mais..
Como pode ser un erro se non teño que lavar as mans despois de tocala?
O amor non é un erro, e mátame que ela poida fuxir disto e eu non sexa quen.
Non podo saír e encontrar alguén novo porque sempre estou a pensar nela.
Normalmente, cando me obsesiono con cousas, vexo xermes que se meten na miña pel.
Véxome sendo esmagado por unha infinita sucesión de carros..
E ela era a primeira cousa bonita á que eu nunca me apegara.
Quero acordar cada mañá pensando no xeito en que agarra o volante..
Como abre a billa da ducha como se estivese a abrir o fecho dunha caixa forte.
Como sopra as candeas—
sopra as candeas—
sopra as candeas—
sopra as candeas—
sopra—….
Agora só penso en que outra persoa estará a bicala.
Non podo respirar porque el só a bica unha vez — tanto lle ten que sexa perfecto!
Quero tanto tela de volta..
Que deixo a porta sen fechar.
Deixo as luces acesas.
Gustaríame saber que andabas a buscar no youtube para chegar a isto...curioso, moi curioso.
ResponderEliminar