Día 52: A meniña dos ollos tristes


O primeiro día das miñas prácticas de Pediatría, alá en quinto, a miña titora chegou tarde. Mentres agardaba, decidín ir até a Escola Camilo José Cela, que é unha pequena sala onde os nenos ingresados estudan e brincan. Alí achegóuseme unha meniña pequena moi bonitiña, puxou pola miña bata e preguntoume se quería xogar con ela. De entre todos os xogos que había, ela decidiu facer un quebracabezas de Hanna Montana. Non é que eu sexa especialmente fan de Hanna Montana, pero...

Ao longo dos días, cando ía ás prácticas, encontrábame con ela polos corredores do servizo de Pediatría. A meniña era o olliño dereito das enfermeiras e campaba por alí á vontade. Sempre que a via falaba e enredaba con ela un pouco, até que viña unha enfermeira dicirlle que tiña que voltar ao seu cuarto, ou até que viña a miña titora e dicíame que tiña que ir pasar visita aos nosos doentes.

A coitada levaba bastante tempo ingresada por unha anorexia nerviosa. Como parte da terapia, non lle deixaban ver os seus papás até que non comese ben, e ela estaba moi soíña. Se cadra era ese o motivo polo que sempre se mostraba tan cariñosa coas persoas, non sei. O caso é que era unha ricura de nena, era imposíbel non collerlle cariño inmediatamente.

Os días foron pasando e, no meu penúltimo día de prácticas, á mañá cedo, pedinlle que me fixese un debuxo para ter como recordo. Ao final da mañá, antes do marchar, voltei onda ela. Díxome que non o puidera facer porque estivera a mañá toda cos médicos, pero que mo facía á tarde e ao día seguinte dábamo. Prometido.

E chegou o día seguinte. Busqueina por toda a planta sen dar con ela, até que preguntei a unha enfermeira. Resulta que o motivo polo que estivera "cos médicos" toda a mañá anterior era porque estaban a preparar a alta, e nesa mesma tarde marchara para a casa cos seus papás. Naquel momento sentín unha mistura de alegría e tristeza.

A meniña fora para a casa, feliz por estar de novo cos papás e poder continuar a ter unha vida normal, sen lembrarse nunca máis do rapaz de prácticas ao que prometera un debuxo.

2 comentarios:

  1. Pero que bonito, tenro e que todo! *_____*

    ResponderEliminar
  2. Bonita historia para unha curtametraxe...pénsao, se metes un pokemon polo medio xa ten case de todo :)
    E despois desta coña...creo que alguén vai ser un bo pediatra...xa sei a quen levarei aos meus futuros fillos cando eu vaia de troula, mua ha ha ha!

    ResponderEliminar